A galega Ozona e Citrix presentarán tecnoloxía de virtualización en Barcelona

xoves, 31 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Encontro sobre tecnoloxía cloud celebrado recentemente por Ozona en Compostela

A empresa galega Ozona, centrada en servizos de virtualización e computación na nube, vén de convocar uns encontros a celebrar en Cataluña co fin de dar a coñecer, perante o empresariado deste país, as solucións que está a desenvolver de maneira conxunta con Citrix. As citas en cuestión serán en Barcelona, o 12 de abril, artellándose como sesións de traballo cos clientes e con feitura de laboratorios de participación activa. Servirán entre outras cousas para amosar as novidades da última versión do produto XenDesktop 5 en Catalunya e para dar conta, tamén, do acceso a aplicacións multimedia e ao escritorio virtual, dende diversos dispositivos, que a devandita ferramenta pon en xogo.
En palabras de Ozona, o seminario ten como obxectivo dar a coñecer as principais vantaxes da virtualización dos escritorios (Virtual Desktop Infraestructure), que entre outras cousas achega un control e unha xestión máis eficaz dos procesos empresariais, subministrando en calquera situación un PC virtual cuxa feitura e comportamento é idéntico ao PC propio e orixinario, con independencia de se traballamos na oficina, no fogar ou se imos de viaxe.
Asemade, tamén se fará fincapé nas maneiras máis eficaces de implantar un proxecto destas características e nas funcionalidades que aplica neste eido a tecnoloxía de Citrix. Abordaranse dúas sesións prácticas, unha pola mañá e outra despois do xantar, onde se porán en práctica diferentes canles de acceso a aplicacións de tipo multimedia e ao escritorio virtual, dende iPad, HTC-Android, BlackBerry, ThinClient, PC. Contarase coa participación de Beatriz Robles, responsable de Canle de Citrix, e Alfred Cañadas, director de Ozona Consulting Barcelona.

PUBLICIDADE