A galega Siguetuliga pecha unha rolda de investimento de 135.000 euros

martes, 7 de novembro do 2017 Redacción

O equipo de Siguetuliga.com está formado por Alberto Guimarey, Diego López e Alberto López.

A empresa coruñesa Siguetuliga vén de pechar unha rolda de investimento de 135.000 euros grazas á confianza de destacados emprendedores da nosa terra, como Diego Mariño (fundador de Ducksboard e Abiquo), Rubén Ferreiro (fundador de GaliciaBanner e CEO do Grupo Viko), David Bello (fundador de IPGlobal), Ramón Pombo (fundador de Asubío Media), Raúl Díaz (fundador de ai10) e Brais Méndez (fundador de Docuten).
Siguetuliga cubre a información de todas as ligas do fútbol afeccionado e base de España gracias á autoxestión que realiza a súa grande comunidade, que xa supera os 2 millóns de persoas. Son eles os que reúnen, comparten e gozan dos resultados, aliñacións, comentarios, goles, fotos e vídeos de calquera liga e a calquera nivel.
A grande razón de ser da plataforma é axudar ós 22.000 clubs de fútbol que hai en España ante problemas que son comúns a todos. Xa conseguiron, con éxito, que moitos deles xeren ingresos coas visitas que o seu club ten en Siguetuliga. Todo sen esforzo, xa que non é necesario que o club cree ningún tipo de contido.
A raíz de esta ampliación de capital e co grande aporte humano de todos os que pasan a formar parte do accionariado, Siguetuliga vai un paso máis alá, aportando solucións ó propio funcionamento interno dos clubs. Cada vez son maiores as esixencias de futbolistas, socios, afeccionados e institucións públicas, non importa o número de equipos que teñan ou a categoría na que xoguen. Aí é onde incidirá o seu novo servizo. Os clubs gozarán de ferramentas para estar mellor organizados, automatizar as tarefas máis custosas e, en definitiva, facerse máis eficientes e rendibles.

PUBLICIDADE