A galega Twin Shoes leva a súa aplicación Como saber se lle gusto a 41 países

martes, 25 de febreiro do 2014 Fernando Sarasketa

A empresa galega Twin Shoes, da que falamos con motivo da súa multitudinaria e festiva presentación e (recentemente) do lanzamento xunto coa tamén galega Invbit dunha interesante aplicación para axudarnos a atopar parella, vén de facer reconto do acadado até o de agora, en materia de seguimento e repercusión, pola devandita aplicación. Como lembraremos, esta ferramenta (de nome Como saber se lle gusto) é un pioneiro recurso que é quen de detectar o grao de atracción persoal entre dúas persoas. E todo isto, din os responsábeis de Twin Shoes, “de xeito sinxelo, divertido e de balde”. Pois ben, a aplicación está a ser todo un éxito. De feito, xa foi obxecto de 1.000 descargas, en apenas unha semana e dende 41 países, sobre todo do ámbito iberoamericano.
Entre as comunidades en liña que máis seguimento están a facer do servizo atópase como era de supoñer a española, pero tamén está a ser descargada con cifras salientábeis dende México, Chile, Brasil e Estados Unidos. Para os responsábeis deste novo recursos de comunicación, cuxo lanzamento coincidiu (non casualmente) coa pasada celebración do Día de San Valentín, a ferramenta está a amosar un importante potencial para pór en contacto a unhas persoas con outras, entre outras cousas porque consegue “interpretar moitos dos sinais de atracción que poden ser indicativo do que máis tarde se pode converter nunha historia de amor”.
Como lembraremos, a app achega varias vieiros para coñecer este grao de atracción entre usuarios, ben avaliando unha mensaxe de WhatsApp, ben unha chamada telefónica ou, ben tirando partido da linguaxe corporal cando a persoa desexada está preto. Tamén se fai uso dunha enquisa para acadar a puntuación do interese sentimental que unha persoa sente pola outra. A aplicación, dispoñíbel para Android, atópase a disposición dos usuarios no Google Play de forma gratuíta.

PUBLICIDADE