A gran maioría dos internautas négase a ver un vídeo se tarda máis de dez segundos en cargar

xoves, 20 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

A coches máis rápidos e estradas máis amplas, máis perdemos os nervios cando temos que ir devagar. Isto mesmo é aplicábel ás outras estradas, as da información. A memoria do ser humano ás veces é ben corta: xa case non lembramos cando había que agardar varios minutos para que cargase unha páxina enteira. Os hábitos mudan da noite á mañá, e ás veces non para mellor. Segundo un estudo publicado tendo en conta datos do CDN Akamai, reflectido pola CMT, un cliente medio de fibra óptica xa non é quen de aturar máis de un minuto de tempo para que comece un vídeo, por moito que queira ver o vídeo e que este pague a pena de ser visto. A gran maioría, de feito, vaise logo de dez segundos de espera. Isto, aplicábel ás estradas de asfalto, é como cando che pitan os de atrás xusto cando se pon o semáforo en verde.
Con todo, a cousa cambia coa telefonía móbil, á que lle outorgamos máis tempo vital e, sobre todo, máis comprensión: semella que o usuario de a pé dá por sentado que no trebello a cousa ten que vir por forza máis amodiño. Porén, aquí entra en xogo, probablemente, un factor que actúa de xeito positivo a prol do móbil: non nos obriga a estarmos sentados diante dunha pantalla á espera dun vídeo. Ou sexa, que podemos facer outras cousas.
O estudo devandito amosa especial valor porque, agora si, sabemos con cifras concretas o nivel de tolerancia que lle temos ao efecto buffering: o tempo que cómpre agardar até que arranca algo nas redes. Segundo se explica, xa non é só que sexamos menos pacientes, é que a velocidade, sexa co computador ou coche ou coas ringleiras do supermercado, provoca adicción.
O informe foi feito cunha base de 23 millóns de visualizacións de 6,7 millóns de usuarios, o que dá unha idea da súa fiabilidade. A gran conclusión é que a capacidade de agardar por algo escasea a medida que se estende a banda larga e as altas velocidades de acceso e conexión. Así, no estudo faise saber que hai internautas que comezan a abandonar o vídeo que queren ver se este faise rogar máis de dous segundos. Cada segundo adicional de retardo, desencadea un medre do 5,8% na taxa de abandono.

PUBLICIDADE