A innovación galega no ámbito TIC pode contribuír a salvar vidas, como demostra o proxecto eHeart

mércores, 26 de agosto do 2015 Redacción

Durante una visita ao Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, onde ten a súa sede a empresa líder do proxecto eHeart (Conexiona Telecom), o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde resaltou que a iniciativa para pór freo ás enfermidades cardiovasculares desenvolvida no marco do programa Conecta PEME da Xunta (sumando 700.000 euros) facilita a detección precoz e en tempo real da fibrilación auricular, permitindo salvar vidas ao actuar rapidamente ante os primeiros signos de alarma. Trátase dun sistema simple, cómodo, pequeno e non intrusivo, que ten un gran potencial no eido médico e que foi posible grazas aos esforzos conxuntos de Conexiona Telecom, Optare, Quobis, Hacce e Tecsoftcom, co apoio tecnolóxico de Gradiant, e o apoio científico da Fundación do Complexo Hospitalario da Coruña.
Conde puxo as compañías que forman parte do consorcio eHeart como exemplo do crecente número de empresas innovadoras galegas. Neste senso, resaltou que hoxe son máis de 830 compañías as que innovan en Galicia, de acordo cos datos do Ministerio de Economía e Competitividade, “un número que é resultado dunha convicción que todos nós compartimos. Só apostando pola I+D+i xeramos mellores empregos, e somos quen de competir nun mercado global”.
Nese eido innovador, Conde salientou o papel das TIC como elemento transversal que está a funcionar como “ponte cara o futuro dos nosos sectores estratéxicos, sendo o corazón dos novos procesos e produtos da automoción, do naval, do agro, e, por suposto, da saúde”. Neste senso, resaltou que o potencial das TIC neste último eido entronca directamente coas prioridades da innovación galega ata 2020 marcadas na Estratexia de Especialización Intelixente, que focalizará unha parte importante do investimento na busca dun novo modelo de vida saudable cimentado no envellecemento activo.
Un reto, a saúde, no que a Xunta está a traballar a través dos programas de Unidades Mixtas, Innterconecta e Conecta PEME, cos que o Goberno galego está a desenvolver na actualidade 20 proxectos de innovación de alto impacto no ámbito da saúde que xeran investimentos de preto de 32 millóns de euros. No caso do Conecta PEME no que se enmarca a iniciativa eHeart, Conde subliñou que grazas ao programa se teñen posto en marcha nos últimos dous anos 60 proxectos que “están a cambiar Galicia, facéndoa máis atractiva para investigar e innovar, e impulsando a cooperación, a competitividade e o emprego das nosas empresas”.

PUBLICIDADE