A liberación do Dividendo culminará o primeiro día de ano abranguendo a todos os fogares galegos

venres, 5 de decembro do 2014 Redacción

Como lembraremos, a liberación do Dividendo Dixital é o proceso polo cal se deixa ceibe e despexada a banda de frecuencias de 800 MHz (canles 60-69, empregadas até o de agora para a difusión de canles da Televisión Dixital Terrestre) co fin de dar acubillo ao despregamento de servizos avanzados de comunicacións en mobilidade (4G) a partir de 1 de xaneiro de 2015. A liberación non afecta só ao territorio estatal. De feito, é un proceso que se leva a cabo de xeito harmonizado a nivel europeo, sendo a data límite o devandito primeiro día do ano vindeiro. Este proceso, segundo informa o operador público galego Retegal, está a afectar a todos os fogares galegos. Para comezar, as canles de TVE trasládanse ás novas frecuencias en toda a nosa xeografía, sendo preciso adaptar as antenas e resintonizar en varios intres do proceso.
Volvendo aos detalles técnicos da liberación do Dividendo, sinalar que a efectos prácticos ten unha primeira consecuencia directa: aquelas canles de TDT que empregaban até o de agora frecuencias emprazadas na banda a liberar (790-862 MHz) sitúanse noutras frecuencias, polo que para manter a continuidade da recepción das canles é preciso dar unha serie de pasos. O primeiro, facer as adaptacións técnicas precisas nos centros emisores por parte dos radiodifusores e operadores involucrados. O segundo aféctanos de cheo, e consiste nunha resintonización dos nosos receptores. O terceiro implica ás comunidades de propietarios que empreguen antenas colectivas, xeralmente en edificios de máis de tres vivendas, que deben poñerse en contacto cos seus instaladores de telecomunicacións para facer os axustes precisos nesas antenas colectivas. De todo isto están exentos os fogares que reciben a TDT a través doutras tecnoloxías, por exemplo satélite.
Polo que respecta á nosa terra, como dixemos a liberación do Dividendo ten incidencia directa en todos os fogares. Alén da necesidade de trasladar as canles da TVE ás novas frecuencias (o que nos obriga a adaptar as nosas antenas e resintonizar os aparellos en varios intres do proceso), cómpre sinalar que aquí tamén, en Galicia, as canles estatais privadas están a ser obxecto deste proceso de reasignación. Como consecuencia, precísase neste punto do mesmo labor de resintonización e adaptación das antenas. Porén, nalgunhas zonas da nosa xeografía, a adaptación terá certas particularidades. Ao fío disto, o Goberno galego salientou a necesidade de antenizar na comarca de Vigo e Baixo Miño, onde se trasladan as novas frecuencias. Polo que respecta ás canles autonómicas (TVG e V Televisión) mudan de frecuencia só nas seguintes zonas: norte e oeste da provincia da Coruña (cor violeta no mapa) e nalgunhas zonas do sur da provincia de Lugo e en toda a provincia de Ourense (cor verde no mapa).
A liberación do Dividendo, como é lóxico, xera dúbidas entre a cidadanía. Para darlles resposta, o pasado 15 de outubro activouse un plan de comunicación do Goberno do Estado para informar en detalle do proceso, a través de anuncios en prensa, radio e televisión, así como folletos para facilitar aos concellos.
Por outra banda, tamén é certo que aínda que a data de cese das canles a liberar establécese de xeito xeral o 31 de decembro de 2014, nalgunhas zonas concretas pode variar por razóns técnicas, ou de coordinación entre distintos axentes (radiodifusores, operadores e administracións públicas), todo isto supervisado e dirixido pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Sociedade da Información. A intención da Administración foi a de intensificar a comunicación coa cidadanía a nivel local con cada cese previsto para cada centro emisor. Falamos de achegar datos como o horario de remate ou dos cortes para o reaxuste, das poboacións afectadas, das canles que cesan e novas frecuencias que se activan, ou da hora idónea para ir resintonizando os receptores para facilitar a adaptación á listaxe de cadeas á situación final.
Sinalar que dende outubro podemos consultar a información de apoio dispoñíbel na web www.televisiondigital.gob.es, ou informarnos a través dos teléfonos de atención ao usuario 901 20 10 04 ou 954 30 77 96.
Asemade, co obxectivo de complementar e fortalecer a información específica das actuacións na rede do múltiple autonómico de Galicia (no que se emiten TVG, TVG2 e V Televisión) e consecuentes necesidades de adaptación de antenas e resintonización por parte dos cidadáns, os radiodifusores comprometéronse a informar a través das súas propias canles (cuñas publicitarias, programas ou espazos informativos en liña) e as páxinas web de seu.
A maiores, están dispoñíbeis os centros de soporte habitual da TDT en Galicia. Por unha banda a Oficina da TDT da Xunta (información xeral, coordinación e apoio a cidadáns e concellos, todo en tdtgalicia.es), e pola outra o Centro de Xestión e Atención de rede de RETEGAL (CEXAR), centrado en incidencias no acceso ás canles (retegal.es e máis o teléfono 901 100 424).


PUBLICIDADE