A matriz da galega Tecalis, no posto 145 das 1.000 empresas que máis medran en Europa
xoves, 3 de maio do 2018
A compañía galega Tecalis, con
sede en Milladoiro (Ames) e centrada nas TIC, segue sumando éxitos na nosa
terra e alén das nosas fronteiras. Segundo vén
de informar, a súa empresa matriz, Dexga Technologies, foi incluída na
clasificación FT1000 do prestixioso diario de negocios e economía internacional
Financial
Times, que reflicte as empresas que actúan como forza motriz da
produtividade europea. Máis polo miúdo, Dexga ocuparía o posto 145 das 1.000
firmas que máis medran na contorna europea.
O ranking, froito de meses
de investigación, lista o milleiro de empresas de 31 países europeos que
acadaron a taxa anual de crecemento máis alta en ingresos no período
comprendido entre 2013 e 2016. Segundo reflicte Tecalis, para Financial
Times as empresas innovadoras e de crecemento rápido “son a forza motriz da
economía europea no século XXI, xeran postos de traballo e manteñen a
competitividade de Europa”. Dáse a circunstancia, ademais, de que boa parte das
compañías incluídas na listaxe (Dexga e outras 154 firmas) son do sector das
novas tecnoloxías.
Como lembraremos, Dexga
Technologies é a empresa orixinaria do grupo empresarial conformado por
Tecalis, Dexga e Signen, unha compañía que ten a súa sede central en Ames (área
de influencia Santiago de Compostela), e tamén conta cunha delegación en
Madrid, e delegacións comerciais en Ecuador e Alemaña. Por certo que o proceso
de espallamento da compañía prevé novas delegacións e colaboracións nun breve
espazo de tempo, entre elas o mercado latinoamericano e o norteamericano (Palo
Alto-California).
Dexga centra boa parte dos seus
esforzos en ofrecer a grandes compañías a externalización de procesos de
negocio. Dexga, botando man de tecnoloxías avanzadas, pon o foco en fornecer
aos clientes de servizos de alta calidade “a un custo altamente competitivo”. A
dita firma promoveu a creación de Tecalis, empresa de desenvolvemento de
proxectos TIC en 2011 e recentemente faino con Signen, empresa de sinatura
electrónica de proxección internacional. Signen presentouse no MWC de Barcelona
e farao en maio no evento Blockshow de Berlín e en setembro no MWC de Los
Ángeles.