A mellora na información, protagonista nos premios do concurso de I+D de Expourense

venres, 3 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Boas novas dende o Campus de Ourense, tanto para o propio Campus como para o futuro da nosa terra no eido da Sociedade do Coñecemento. Segundo se informa na Rede, cinco proxectos elaborados polo alumnado da Escola Superior de Enxeñaría Informática emprazada na dita cidade galega obtiveron recoñecementos polo seu labor no marco do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos que cada ano organiza Expourense. No que se refire aos galardóns de maior peso, sinalar que Víctor Constantino Lorenzo Dávila fíxose co primeiro premio na categoría de Grao Superior cun proxecto para mellorar as Terminais de Punto de Venta (TPV), mentres que Adam Anh Doan Kim Caramés fixo o propio na categoría de Grao Medio, cun sistema para a captura de información personalizada.

A primeira das achegas, de nome CuevAxPOS-TPV colaborativo para MS Dynamics AX, é unha ferramenta que optimiza o funcionamento dos ditos emprazamentos de venda, sendo o principal problema que estes presentan, a día de hoxe, as limitacións espaciais de almacenamento. É dicir, só amorean datos no mesmo lugar, o que a xuízo de Lorenzo Dávila pode provocar nalgún intre o rebordamento da información. O desenvolvemento que resultou gañador do dito certame soluciona o atranco, extraendo os datos do sistema único e dándolles acubillo noutros lugares, ao tempo que se afianzan as ligazóns entre uns e outros para un meirande aproveitamento e recuperación.

O primeiro e único premiado na categoría de Grao Medio, Adam Anh Doan Kim Caramés, presentou Data Logger, “un aparello que permite a captura de información como a humidade, a temperatura ou as constantes vitais e ver a súa evolución”.

Polo que atinxe ao segundo premio do certame, foi dar a Rafael González, grazas ao seu sistema de planificación da produción e control de existencias para o cultivo do mexillón. O terceiro foi para Iván Gómez, polo seu proxecto de análise intelixente de vídeo para detectar eventos anómalos en persoas maiores.
O cuarto premio recaeu en Jorge Fernández, polo seu proxecto External Intelligent Asterisk Core, e o quinto en José Germán López, da Universidade da Coruña, por unha aplicación informática que permite a valorización de opcións financeiras de tipo barreira e dobre barreira.

PUBLICIDADE