A mocidade arousá poderá gozar dun Campamento Tecnolóxico este verán

martes, 24 de maio do 2016 Redacción

A Concellería de Xuventude do Concello de Vilagarcía de Arousa pon en marcha este verán un Campamento Tecnolóxico destinado a mozos e mozas de 15 a 35 anos de idade, actividade de balde onde os participantes recibirán formación práctica sobre o uso de tecnoloxías emerxentes como aplicacións móbiles, robótica, programación ou GPS, co fin de que as poidan aplicar ás súas actividades laborais, sociais ou de lecer.
O departamento que dirixe Sonia Outón oferta 50 prazas para esta interesante actividade cuxa participación é totalmente de balde. O primeiro campamento, para un grupo de 25 usuarios, desenvolverase durante a semana do 11 ao 15 de xullo en horario de 10:00 a 15:00 horas; mentres que o segundo será a seguinte semana, do 18 ao 22 de xullo, co mesmo horario. As sesións impartiranse en dependencias municipais e na sede da asociación sen ánimo de lucro O Núcleo, cuxos membros son os encargados de impartir as actividades que inclúen obradoiros, saídas prácticas á cidade e charlas de profesionais.
Estes campamentos tecnolóxicos buscan mellorar as opcións de empregabilidade ou de promoción laboral da mocidade, así como contribuír á creación de redes xuvenís que animen ao desenvolvemento de proxecto participativos e sirvan para intercambio de experiencias e proxectos.
O prazo de inscrición para os campamentos tecnolóxicos xa está aberto. Os formularios poden baixarse dende o taboleiro de anuncios da web municipal e debe presentarse debidamente cubertos ata o 17 de xuño no Rexistro xeral do Concello. A lista de admitidos publicarase o 27 de xuño.

PUBLICIDADE