A nosa lingua foi trending topic grazas á campaña #EuEnGalego

xoves, 18 de decembro do 2014 Redacción

Finalmente a campaña nas redes sociais a prol do galego da que falamos onte resultou ser todo un éxito. Así nolo contan os organizadores da mobilización tuiteira pola nosa lingua, o sindicato estudantil Comités Abertos, que informan que o galego resultou ser trending topic grazas á campaña Chía pola nosa lingua desenvolvida botando man da etiqueta #EuEnGalego. O obxectivo da quedada virtual, informan os Comités, foi pór de relevo a preocupante situación actual da lingua, que como se reflicte nas estatísticas recentes do IGE, “é moi desfavorábel”. A iniciativa levouse a cabo entre as 22 e as 23 de onte mércores. En palabras do responsábel nacional dos Comités, Brais Fortes “nin a estrea de Hobbit, nin a noite de fútbol, nin o final de Master Chef foron quen de parar a nosa lingua, que se fixo un oco nas tendencias do Twitter a nivel estatal, chegando á terceira posición e manténdoa até altas horas da madrugada”.
Fortes tamén informou que “con este apoio masivo quedou demostrado que o galego ten apoios e que, se se fixesen boas políticas en prol da nosa lingua, a súa situación sería moi diferente á actual”. Ao fío disto, dende a organización lembran que “só nos queda traballar arreo día a día para facerlle un oco ao galego nas aulas de ensino, pero tamén na panadaría, na perruquería ou na parada do bus”.
Por certo que o estudo do IGE ao que fan referencia os representantes de Comités reflicte a evolución da lingua galega entre 2001 e 2011. “Desgraciadamente”, explicaron nas canles informativas da Universidade de Vigo os responsábeis do sindicato estudantil, “a análise que se pode facer das cifras non é, para nada, boa; en tan só dez anos a poboación galegofalante pasou de ser o 57% ao 45%, unha redución drástica que de seguir á mesma velocidade podería rematar coa lingua galega en 35 anos”. Ante esta situación Comités vén de poñer en marcha varias campañas, entre as que se enmarca #EuEnGalego, pero que tamén comprende A lingua é de todos e Alerta Galega.

PUBLICIDADE