A nosa terra súmase ao Día Internacional da Impresión en 3D

martes, 1 de decembro do 2015 Redacción

Este 3 de decembro celébrase o Día Internacional da Impresión en 3D, un evento mundial dirixido a amosar e recordar a propios e estraños os importantes avances acadados até o día de hoxe en materia de impresión 3D e fabricación dixital. Na nosa terra tamén se vai conmemorar a data da man da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo da USC, que se suma á celebración organizando un feixe de sesións divulgativas e obradoiros a desenvolver en horario de 10.00 a 19.00 horas na propia sede física da Escola (máis polo miúdo na entrada da cafetería).
As actividades conmemorativas do 3DPrinting Day veñen da man da dirección da EPS ao abeiro do programa A Ponte do Campus de Lugo. O equipo impulsor desta edición galega da celebración está integrado pola profesora Rosana Guerra e os tamén docentes e investigadores Mariluz Gil Docampo e Juan Ortiz Sanz (Grupo USCAN 3D da USC).
As sesións previstas están dirixidas a todos os membros da comunidade universitaria e tamén están abertas de xeito gratuíto ao resto da cidadanía interesada. O obxectivo, informan as organizadoras, “é achegar a tecnoloxía da impresión en 3D e dar a coñecer as súas múltiples aplicacións e utilidades a toda a poboación interesada”. Por certo que todas as persoas que se acheguen o xoves ao edificio da ampliación da EPS recibirán como agasallo un logo da USC impreso en 3D. Ademais, terán a oportunidade ver en directo como traballan as impresoras 3D, ademais de recibir ampla información respecto das aplicacións prácticas destas técnicas tecnolóxicas para a docencia e a investigación, así como para o desenvolvemento da actividade profesional de todas as titulacións que oferta USC no seu campus de Lugo.

PUBLICIDADE