A nova canle de R de música en vivo preséntase cunha achega inicial de 32 concertos
venres, 30 de novembro do 2012
- A cantante galega Uxía forma parte da selección de R e a Casa de Tolos
Tal e como
adiantamos este xoves, o estudo de gravación Casa de Tolos e o
operador galego de telecomunicacións, R, deron a coñecer en
Culturgal os obxectivos,
liñas a seguir e contidos do seu proxecto en común: a canle de
música en vivo Tolemias.
Esta achega, segundo
fixeron saber R e o estudo de gravación ampliando a información que
avanzamos onte, parte dunha escolma inicial de 32 concertos
gravados pola xeografía galega e poderá accederse a ela a través
do servizo de vídeo baixo demanda da operadora. O obxectivo común é
levar ás nosas casas (potencialmente máis de 100.000 fogares
galegos, clientes da TV dixital de R) toda a forza do directo.
E todo isto, sinala a Casa de Tolos,
“respectando en todo intre o sentido da música en
vivo no referente ao hábitat propio do músico –non nun plató-
pero tamén no que lle compete ao son e ao escenario”.
Como dixemos, os clientes de televisión
de R poderán acceder a esa selección de concertos de Casa de Tolos
a través do servizo de subscricións da compañía, de balde para
todas e todos neste período de lanzamento. A televisión dixital
interactiva do operador galego permitiralle ao usuario acceder á
listaxe de contidos á que se subscribe e, desta volta, visualizar os
concertos en vivo de Tolemias “tantas veces coma queira,
no momento en que desexe, pudendo facer pausas ou rebobinar ao seu
gusto (coma se dun DVD se tratase)”, informaron
na mañá deste venres en Culturgal.
No que se refire ao contido da canle
propiamente dito, dicir que nos vai pór ao alcance da man as
mellores actuacións que a Casa de Tolos estivo a rexistrar
recentemente en terras galegas e do norte de Portugal. A idea é
seguir alimentando a escolma cada pouco dándolle forma “a unha
canle de subscrición variada, ampla e para todos os públicos na que
se integren diferentes estilos musicais”.
Arestora a escolma inclúe dende
concertos multitudinarios ata actuacións en teatros, auditorios ou
pequenos pubs, sobre todo de músicos galegos pero tamén de bandas
estranxeiras que viñeron actuar á nosa comunidade. A achega
compleméntase coa serie ENREDE (Rede galega de Música ao Vivo) e
con oito novos concertos cada mes. Cada actuación, sinala R, ten a
súa personalidade de seo, pero todas elas contan cos seguintes
ingredientes comúns: ritmo visual, respecto interpretativo, imaxe
musical e son impecable.