A nova directora xeral de Ineo aposta polas TIC como antídoto da crise

martes, 29 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Imaxinemos un camiño que dese acubillo para todas e todos e que tanto en marcha como paradas/os achegase elementos positivos para quen o constrúe, quen o mellora e quen simplemente fai emprego del. Para Lucía Gregorio, nova directora xeral da asociación empresarial Ineo, o camiño das novas tecnoloxías é un pouco así. Na súa opinión, facilita tanto a nosa vida, que de haber posibilidade de volver atrás é moi probable que non nos interesase. Isto que é aplicable a vida, tamén vale para os eidos empresariais, e non só para o directamente implicado, senón para todos os restantes. Lucía Gregorio acode ao seu novo posto co obxectivo de subir un novo chanzo nesta chegada da orde social tecnolóxica. Máis polo miúdo, desembarca en Ineo para facer frontes comúns de toda índole: entre o sector TIC e os restantes, entre o sector TIC e a sociedade galega e, para que non quede enerxía por aproveitar, entre as propias empresas do sector TIC. De todo isto, só poderá saír algo bo para a nosa terra. E máis, comenta, se consideramos que entre tanta eiva económica mundial, as redes resisten.
-Ante todo, benvida á directiva de Ineo, unha asociación coa que Código Cero leva colaborando anos e que comparte connosco, malia as diferenzas, un obxectivo: traballar a prol da normalización das TIC na nosa terra. Terá vostede entre mans unha misión de peso. Isto obrígalle a deixar o seu posto na consultora Econet?
-Grazas pola benvida,. Teño coñecemento dese importante labor que realizades no eido das novas tecnoloxías e da colaboración con Ineo na difusión ao conxunto da sociedade dos avances tecnolóxicos. En canto a deixar o posto que ocupaba anteriormente, por suposto que si. A dirección xeral de Ineo require dunha dedicación plena e intensa debido á gran cantidade de proxectos que leva adiante a asociación de forma paralela. Ineo representa e dá servizo a máis de 85 empresas galegas do sector TIC, polo que precisa da enteira dispoñibilidade da directora xeral.
De todas formas, Econet sempre será una referencia na miña traxectoria profesional, como o son tamén o Consorcio da Zona Franca e Atos Origin; onde tiven a oportunidade de aprender moitísimo tanto persoal como profesionalmente.
-Como asume vostede este reto en Ineo?
Con moita ilusión, a verdade. O camiño percorrido ate o de agora foi sentando as bases e consolidando ao conxunto das pemes tecnolóxicas galegas como un sector forte e con enormes posibilidades. Pero aínda queda un enorme treito por andar. As TIC son un sector transversal e poden ser de moita utilidade para o resto dos sectores produtivos. Agora o principal reto é conseguir elevar cada vez máis os niveis de competitividade de cada unha das empresas, explotando esas posibilidades e acadando a implantación das Tecnoloxías da Información e Comunicación por parte de tódolos sectores empresariais aumentando deste xeito a rendibilidade do conxunto do sector empresarial galego.
-De que forma vai empregar a súa experiencia previa en Econet á hora de afrontar o seu novo cargo en Ineo? Haberá puntos en común nesta dobre experiencia?
-Dentro de Econet o meu principal labor foi tratar de axudar ás empresas a deseñar proxectos, tanto de I+D como de implantación de tecnoloxías, e buscar as liñas de financiamento públicas más axeitadas para estes proxectos. Este, ao final, é un dos obxectivos principais desta nova etapa en Ineo.
Imos tratar de fomentar o deseño de proxectos conxuntos, tanto entre empresas de INEO, como con empresas doutros sectores. A dinamización deste tipo de iniciativas facilitan a mellora da competitividade das empresas, que se poidan deseñar novos produtos, que se abran novos mercados e que se forme ou se reteña mellor o talento. E iso, ao final, redunda en empresas más fortes, más competitivas, referentes a nivel nacional e europeo.
Os meus coñecementos sobre as liñas de financiamento, non só autonómicas senón tamén nacionais e europeas, e os meus contactos con outras organizacións, facilitarán moito a posta en marcha destas iniciativas, sen dúbida.
-Ao longo da nosa experiencia con Ineo temos constatado un esforzo por parte desta asociación de certificar ao sector dixital e das novas tecnoloxías como un sector con forza abonda como para contribuír á saída da crise. Pensa vostede afondar nesta liña? Como?
-Como dicía, estamos convencidos de que o das TIC é un sector transversal que pode facilitar a mellora dos seus propios procesos produtivos, facelos máis eficaces e, por ende, máis competitivos. As TIC galegas do noso sector están capacitadas para analizar e axudar ás demais empresas a detectar as melloras que se poden facer para seren máis competitivas no seu día a día, empregando e adaptando as novas tecnoloxías ás súas propias necesidades.
Nesta situación de focha económica, na que semella que o sector tecnolóxico é o que sae mellor parado, estamos nun intre clave para axudar a outros sectores e contribuír á recuperación económica para remontar nunha posición moito mellor. Por suposto que seguiremos a afondar nesta liña como un dos obxectivos a cumprir a curto-medio prazo.
-Dise dende Ineo que vostede chega ao posto de directora xeral nun intre “estratéxico” para o medre da propia entidade e do restante sector TIC galego. Por que é tan decisivo este momento?
-Alguén dixo algunha vez que “a involución non existe” e o camiño iniciado coas TIC non ten volta atrás. É evidente que as TIC xogan un papel fundamental no desenvolvemento da sociedade xa que son impulsoras da produtividade das empresas e son un elemento clave de modernización de todos os sectores produtivos e de servizos. Permiten unha xestión máis eficaz dos recursos e unha maior optimización de todos os procesos, facilitan a maneira de facer as cousas e aumentan en última instancia o nivel de benestar dos cidadáns.
As TIC modifican desde as comunicacións até os medios de pago converténdose nun factor crítico de competitividade empresarial. Pero non só xeran novas formas de facer negocios senón que propician a creación dunha nova orde social a todos os niveis: cambios no sector produtivo, cambios na educación, na sanidade, na participación dos cidadáns na vida empresarial, o seu xeito de entender o lecer, o seu benestar, etc.
É o momento no que ou nos subimos ao tren ou ficamos ollando como se vai. Xa hai quen comeza a falar do analfabetismo dixital como o analfabetismo do século XXI. Desde o propio sector debemos axudar a que os cambios sexan asimilados por todos, dunha maneira sinxela, sen que se converta nun trauma ou en algo que divida. Os avances van moi rápido e esa é a gran diferenza co que aconteceu ata agora.
-Que significa exactamente ser “transversal”?
-É o que viñamos comentando. As TIC afectan non só a todos os sectores, senón que afectan á forma na que as persoas nos relacionamos co contorno. Non é ser transversal? Tanto a Administración, como os cidadáns e as empresas, sexa cal for o sector ao que pertenzan, precisan hoxe e precisarán no futuro das novas tecnoloxías.
En Ineo somos conscientes tamén das dificultades das empresas galegas e por iso traballamos na detección das necesidades que existen achegando solucións adaptadas e xerando ao mesmo tempo oportunidades de negocio para os nosos asociados. As TIC xogarán un papel crucial na mellora da produtividade de cada unha das empresas dos distintos sectores sempre que dende o sector TIC sexamos quen de ofrecerlles as solucións que se adapten ás súas necesidades específicas.
-E para ir entrando en materia, que pasos específicos ten proxectado dar dende o labor que agora desenvolve? Accións formativas? Encontros? Máis fronte común?
-Coñezo Ineo desde os comezos, e dunha forma ou outra sempre tiven a oportunidade de seguila de preto. E sempre pensei que O Obxectivo (con maiúsculas) de Ineo debe ser fomentar a colaboración: a colaboración entre empresas no desenvolvemento de proxectos comúns para facer fronte a competidores nacionais, colaboración con outros sectores para achegarse máis ás necesidades do mercado como estratexia de posicionamento, colaboración co resto de axentes da rexión para facilitar que haxa melloras importantes nos produtos e nas tecnoloxías, que haxa un polo de innovación en materia de TIC que fale galego. Iso pódese materializar de moitas maneiras: mesas de traballo sectoriais, accións de dinamización de proxectos conxuntos, accións formativas para mellorar a capacitación non só dos traballadores das empresas TIC, senón tamén do resto de sectores na utilización das TIC, posicionamento de empresas galegas en grandes proxectos de I+D promovidos a nivel nacional ou internacional…
-Cre vostede que Ineo podería ser a ponte que leva directamente ás axudas á innovación que moitas empresas do sector levan buscando dende hai anos?
-É moi importante que sexamos quen de dinamizar proxectos de alto valor engadido. Non se trata de conectar quen axuda e quen recibe a axuda, porque xa hai moitas axencias dependentes da Xunta que están a facer un papel de ponte de forma brillante. O papel de Ineo debe ser máis o de dinamizador de proxectos, o que propicie que haxa iniciativas interesantes e en liña coas necesidades reais, tanto do sector TIC como do resto de sectores.
É obvio que o coñecemento das liñas estratéxicas dos programas de axudas van centrar moito máis os proxectos. Así tamén Ineo axuda aos organismos públicos outorgantes das axudas a que reciban proxectos de calidade, que xa de inicio teñen un compromiso empresarial importante, que é o que perseguen ao final todos estes programas.

PUBLICIDADE