A nova edición da Pont-Up Store vén con máis de 25 actividades e a presentación de 42 iniciativas

mércores, 11 de setembro do 2024 S. P.

Os días 20 e 21 de setembro, 42 novas iniciativas empresariais darán a coñecer os seus produtos e servizos na décimo primeira edición do encontro do emprendemento Pont-Up Store, que terá novamente como sede central a carpa que se instalará na praza de España de Pontevedra, onde se desenvolverán tamén boa parte das máis de 25 actividades que integran o seu programa.
Impulsada pola Universidade de Vigo e organizada pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal e o apoio de Deputación e Xunta de Galicia, esta iniciativa converterá a cidade na “capital do emprendemento”, como sinalou a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, na presentación esta mañá do programa de actividades do evento.
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías; o vicepresidente primeiro da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez; o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández, e o director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, participaron xunto a Lantarón na presentación dun encontro que busca “concentrar” na cidade “todo o ecosistema emprendedor de Galicia”, como sinalou o seu responsábel. Impulsado hai once anos polo grupo de investigación que Figueroa dirixiu na UVigo ata a súa xubilación, nesta edición a Aociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store “toma o relevo” deste grupo á fronte da organización, mais coa UVigo como entidade impulsora.
No capítulo de novidades, Lantarón puxo o foco no acto de entrega dos premios a teses de doutoramento e traballos de fin de grao e mestrado centrados en temáticas relacionadas co emprendemento, que a Universidade de Vigo convocaba por primeira vez neste 2024. Financiados con 20.000 euros procedentes da UE-Next Generation UE, trátase duns galardóns dirixidos a recoñecer traballos académicos que propoñan o desenvolvemento de novos produtos e servizos que teñan un potencial nicho de mercado ou que estean orientados a xerar un proxecto que poida contribuír á creación dunha iniciativa empresarial.
Estes galardóns entregaranse o venres 20, xornada na que tamén terá lugar o Demo-Day do programa INCUVI da UVigo. Nesta actividade, o alumnado seleccionado na última edición dos Premios INCUVI Emprende e das Axudas INCUVI Avanza e INCUVI Consolida dará a coñecer os proxectos que foron desenvolvendo nos últimos meses.
Seleccionadas de entre máis de 140 candidaturas, 42 novas iniciativas empresariais presentarán os seus produtos e servizos nas tres modalidades de participación do Pont-Up Store. Por unha banda, a carpa contará con 33 espazos para os emprendedores e emprendedoras, aos que se suman aqueles e aquelas que organizarán “actividades demostrativas” neste espazo. Outras seis iniciativas participarán noutra das novidades desta edición, o Pont-Up Venture, un evento centrado en proxectos de base tecnolóxica, no que as e os participantes defenderán as súas ideas de negocio ante un xurado integrado por profesionais “de entidades de financiamento de startups”, como explicou Figueroa.
Cun 74% de iniciativas empresariais lideradas por mulleres e unha importante presenza de iniciativas procedentes no rural galego, entre os seleccionados e seleccionadas destacan nesta edición os proxectos relacionados “co mundo da saúde, o ocio e o deporte”, sinalou o director deste espazo. A estas súmanse outras propostas centradas na alimentación, a moda ou a sustentabilidade, así como a presenza nun dos stands da asociación CES UVigo, que dará a coñecer o traballo realizado por unha vintena estudantes para desenvolver o barco solar co que este verán competían na Energy Boat Challenge.
Tanto a carpa do Pont-Up Store como a sede da Vicerreitoría acollerán ao longo destas dúas xornadas un conxunto de actividades complementarias, como sesións formativas sobre ciberseguridade, Intelixencia Artificial e novas tendencias de mercadotecnia. Da man da Xunta de Galicia, promoverase tamén unha mesa redonda sobre axudas a emprendedores e a presentación dun xogo que busca promover o emprendemento entre o alumnado de secundaria. O encontro servirá tamén como escenario para a posta en funcionamento de Feending, unha aplicación que permite ás empresas localizar e contactar con emprendementos afíns. Así mesmo, o programa acolle tamén as presentacións dos proxectos Voces Ocultas, no que persoas con diversidade funcional forman un equipo de creación escénico musical, e Hub Olympe Emprende, que trata de “potenciar o emprendemento colaborativo feminino”, apuntou Figueroa.