A obra gráfica de Castelao estará accesible para a comunidade internauta de todo o mundo

mércores, 24 de febreiro do 2010 Fernando Sarasketa

O exhaustivo traballo de dixitalización da obra gráfica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao que realizou a Fundación que leva o seu nome poderá verse de preto na Rede e dende calquera recanto do mundo. O labor do padroado, que non se centrou unicamente en escanear e clasificar (senón tamén en atopar até o último debuxo do artista e político rianxeiro, algún case que perdido no eido da emigración), desenvolveuse ao longo de 25 anos e, segundo se conta na web Xornal.com, poderá ser visto nas webs da Fundación e do Centro Superior Bibliográfico de Galicia.
A obra localizada e dixitalizada, que lle foi entregada á Consellería de Cultura o 29 de xaneiro, preséntase como unha aposta por preservar a identidade galega a través dunha das figuras humanas que máis soubo resumila, agora máis presente ca nunca no acubillo multicanle da Rede.
A iniciativa, que contou con Miguel Anxo Seixas (vicepresidente do dito padroado) en labores de dirección, recibiu un importante pulo orzamentario co anterior goberno da Xunta, que puxo en xogo subvencións para a contratación de bolseiros e así dar atopado até a máis recóndita das pezas gráficas de Castelao, algunhas das cales xa se daban por desaparecidas.
Os traballos deron com resultado 3.800 entradas, na súa maior parte imaxes da obra de Castelao. Segundo engade Xornal, semella que os apoios a este labor de dixitalización non rematarán co devandito, e nesta liña inclúese o compromiso da actual Consellería de Cultura para facer que a catalogación estea agora na Internet, en libre consulta para investigadores de toda a comunidade en liña, consulta que como dixemos poderá levarse a cabo a través da páxina web da Fundación Castelao e da web do Centro Superior Bibliográfico de Galicia, axiña emprazado na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura de Santiago.

PUBLICIDADE