A película galega Engurras xa está dispoñible na Internet

venres, 16 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Filmin permite ver películas directamente dende un navegador web

A longametraxe galega Engurras baseada no cómic do mesmo nome de Paco Roca está disposta a rachar moldes, e esta arriscada aposta que opta pola animación 2D para ilustrar unha historia ambientada nunha residencia á que vén de chegar o protagonista, un enfermo de Alzheimer, que tece relacións con outros anciáns, intentando manter unha vida de seu. A dureza desta situación está tinguida con toques de comedia e tenrura, para facer soportable esta dramática situación. Pero esta aventura audiovisual non só destaca pola súa proposta artística, senón que tamén é valente no tocante á súa distribución, e a menos de 2 meses da súa estrea cinematográfica chega á plataforma de cine dixital Filmin, de xeito que dende hoxe xa poder verse a través da Internet de xeito legal.
Filmin ofrece a posibilidade de ver Enrugas en definición estándar e durante 72 horas por 2,95 euros, estando inicialmente dispoñible a obra coa súa dobraxe en español, estreándose a súa versión en galego nos vindeiro días. Con respecto á súa dobraxe tampouco podemos obviar que detrás da mesma están recoñecidos actores galegos como Tacho González, Álvaro Guevara e Mabel Rivera.

A plataforma de distribución Filmin facilita que poidamos ver Engurras incluso no iPad

Grazas a esta canle de distribución dixital (nacida en 2007 coa participación da galega Continental) podemos gozar do filme de Perro Verde Films no nos ordenador, en dispositivos con iOS (valéndonos das aplicacións Filmin e Filmin HD), a través da PlayStation 3, valéndonos dun media center Izzaper 4G e incluso a través dun Apple TV.
Facilítase así a distribución desta película independente que non cesa de recoller premios como os Goya a mellor guión adaptado e mellor película de animación, aos que habería que engadir o recibido no foro europeo de cine de animación Cartoon Movie por Manuel Cristóbal, considerado como o mellor produtor do ano. Aínda que a aposta polo dixital non é algo que deba de sorprender se atendemos a que Perro Verde Films é unha das compañía detrás da plataforma de distribución dixital de contos infantís ContoPlanet, demostrando que incluso fóra do amparo de grandes grupos é posible facerse un oco no novo contorno dixital.

PUBLICIDADE