A penetración da tecnoloxía nos fogares galegos é maior con estudantes en idade escolar

luns, 11 de novembro do 2024 Redacción

O estudo Rapaciñ@ dixitais. Edición 2023 elaborado polo OSIMGA recolle que os fogares galegos con estudantes en idade escolar obrigatoria sitúanse por riba da media en equipamento tecnolóxico e conexión á Internet. O 94,8% destes fogares dispón de ordenador, máis de 20 puntos por riba do resto, e un 65% conta con tabletas, netbooks e outros dispositivos portátiles, a 30 puntos de distancia dos fogares sen nenos. En canto á contratación de acceso á Rede, a práctica totalidade dos fogares con nenos e nenas (99,8%) conta con este servizo, superando en máis de sete puntos a media da comunidade.
Respecto ao uso dos dispositivos electrónicos, o estudo sinala que o 84,5% dos nenos e nenas de 5 a 15 empregaron smartphones, ordenadores, tablets e similares, 7 puntos por debaixo do dato anterior de 2021.

Acceso á Internet

O informe sinala que en 2023 o 82,8% dos rapaces de 5 a 15 anos accederon algunha vez a internet. Por idades, máis do 94,2% dos nenos e nenas de 10 a 15 anos empregan internet mentres que entre os máis pequenos, os de 5 a 9 anos, a porcentaxe sitúase no 67%.
En canto ao tipo de actividade que desenvolven na rede, 8 de cada dez nenos de 5 a 15 anos acceden para xogar ou descargar xogos (78,3%), escoitar ou descargar música (75,4%), ver series, películas ou programas baixo demanda (67,2%) ou usar mensaxeira instantánea (56,7%).
Ademais, o 92,6% dos nenos e nenas de 5 a 15 anos en Galicia que usan internet, utilizan portais ou sitios web educativos para comunicarse cos profesores.

Educación dixital

No curso 2022-2023, Galicia situouse no segundo posto a nivel estatal na ratio de porcentaxe de centros con plataformas virtuais de aprendizaxe, mellorando a media estatal en 17,3 puntos porcentuais. Tamén supera á media do conxunto do Estado de aulas dotadas de sistemas dixitais interactivos en 7,6 puntos porcentuais, rozando o 70%, o que sitúa á Comunidade no cuarto posto estatal.
Ademais, Galicia ocupa o quinto lugar en porcentaxe de centros educativos con velocidade de conexión superior a 100 Mbps, superando á media do Estado en máis de 22 puntos porcentuais.
No curso 2022-2023, Galicia situouse no sexto posto a nivel estatal na ratio de alumnos por ordenador nos centros educativos ao dispoñer dun ordenador por cada 2 alumnos, só superada por Navarra, País Vasco, Estremadura, Cantabria e Cataluña. A media estatal sitúase en 2,6 alumnos por ordenador.