A plataforma Galicia Birding amósase ao mundo no maior certame ornitolóxico de Europa

mércores, 24 de agosto do 2016 Redacción

Turismo de Galicia impulsou os días pasados un programa de avistamento de paxaros con rutas ornitolóxicas (148) polo noso territorio, amais de puntos destacados para enxergalos (600 puntos). A iniciativa chámase Galicia Birding e foi presentada no mes de xullo pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen salientou entre outras cousas a súa ampla compoñente tecnolóxica. Para comezar, conta cunha web de seu dende a que se ofrece polo miúdo toda a información relativa aos ditos roteiros. A páxina está dispoñíbel en galego, castelán e inglés, e nela atópanse artellados todos estes espazos de especial interese e os seus itinerarios correspondentes. Galicia Birding, por certo, estivo presente estes días no Birdfair de Londres, un evento referencial para os seareiros mundiais do turismo ornitolóxico, con toda probabilidade o certame máis importante de Europa dentro da súa materia.
A feira veu da man da entidade Leicestershire & Rutland Wildlife Trust en colaboración coa Royal Society for the Protection of Birds de Gran Bretaña. Neste encontro tan sinalado e referencial os responsábeis de Galicia Birding amosaron os detalles do programa, facendo fincapé nas súas publicacións e propostas vindeiras e en cousas como as moitas funcionalidades da devandita páxina web de seu, por exemplo o extenso banco documental de fotografías (abranguendo 1.000 imaxes) ou a súa sección adicada aos fenómenos e espazos de interese ornitolóxico máis destacados, unha sección que se vai elaborando mes a mes e que ten o obxectivo principal de orientar aos observadores das aves galegas ao longo de todo o ano.
Por certo que a páxina tamén acubilla outros apartados como consellos sobre como iniciarnos na observación de aves, un código ético para asegurar un comportamento respectuoso e sustentábel ou información sobre os recursos naturais de interese a páxina.
Lembrar que a plataforma dixital compleméntase cunha aplicación para dispositivos móbiles con toda a información dispoñíbel na web e cunha manchea de utilidades para acceder aos lugares e roteiros de máis interese ou para tomar notas das observacións realizadas, gardalas e compartilas.
A forte vertente tecnolóxica da iniciativa compleméntase cun blog, un perfil de Facebook, outro en Twitter, un servizo de alerta de observacións así como unha publicación promocional en formato minilibro dispoñíbel tamén en tres idiomas.

PUBLICIDADE