A plataforma Mancomun.org sinala que a presenza do software libre nas empresas TIC e no sector público galego é “especialmente significativa

luns, 18 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

A xulgar polos máis recentes datos achegados pola plataforma Mancomun.org (integrada pola Consellería de Innovación e os grupos de usuarios de software libre de Galiza), semella que están a quedar xa lonxe os tempos nos que todo o mundo falaba ben dos programas informáticos de código aberto pero moi poucos os usaba.
Eran tempos (se cadra non moi lonxanos, se cadra aínda vixentes nalgúns sectores) en que unha boa parte de nós ficabamos na superficie das cousas, imaxinando que apostar polo software libre era algo así como ingresar nalgún tipo de listaxe negra. Podías recibir palmadiñas nas costas á saída dun congreso no que fixeses fincapé nas moitas vantaxes desta alternativa informática, pero xa podías ir tirando o móbil ó lixo, porque ninguén che ía chamar para pedirche máis consellos. Porén, nada máis lonxe da realidade.
O navegador Firefox ábrese camiño de xeito espectacular, o Open Office na nosa lingua é unha realidade en moitos computadores e cada día xorden máis iniciativas que lle dan a razón ós tolos que levan anos apostando pola liberdade no software e que lle auguraron algo tan sinxelo como un futuro.
Ademais, Mancomun.org vén de achegar o seguinte dato: o emprego de software libre medra “de xeito significativo” en empresas do sector tecnolóxico, concellos (32%) e centros de ensino (20%), gozando ademais dunha imaxe excelente na meirande parte dos sectores.
Ademais, en 2006 incrementáronse as actividades formativas e divulgativas relacionadas co código aberto con respecto ó ano anterior.
Estes e outros datos figuran na publicación O Software Libre nas entidades de Galiza, onde se pon de manifesto (entre outros feitos) un certo desequilibrio no que se refire ó emprego de programas de código aberto en tódolos elos da cadea de produción das empresas tecnolóxicas galegas.
Así, “a maior parte das empresas TIC usan estes ferramentas libres para desenvolver os seus produtos e servizos pero, sen embargo, son reticentes a establecer novas liñas de negocio con elas e nelas”.
Sexa como sexa, e malia o gran descoñecemento que aínda existe sobre as vantaxes destes programas entre as pequenas e medianas empresas non tecnolóxicas (onde o open source ten unha presenza do 10%) e nunha boa porta dos centros educativos (onde a ten do 20%), Galiza ocupa un lugar salientable no uso destas ferramentas a nivel español: é a cuarta comunidade do Estado en empresas desenvolvedoras de produtos de Software Libre.

PUBLICIDADE