A plataforma galega Libra incorpora tecnoloxía avanzada de Oracle

luns, 11 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

A firma galega EDISA, responsábel do software empresarial Libra, vén de formalizar un acordo con Oracle que abre as portas á incorporación de tecnoloxía avanzada da multinacional aos produtos de Edisa. Máis polo miúdo e grazas a esta colaboración, Libra integra tecnoloxías de base de datos de Oracle e maila Weblogic Suite, amais do paquete Oracle BI Publisher. Este último, para quen non o saiba, é unha tecnoloxía que a devandita multinacional informática sinalou como continuidade prolongación de Oracle Reports, presentándose como unha solución moi indicada e de gran utilidade para crear, administrar, xestionar e distribuír informes de maneira máis doada e rápida cás ferramentas tradicionais.
Por outra banda, tamén pon en xogo un empuxe extra para as saídas de información que ofrece Libra, incorporando documentación gráfica e informes dinámicos totalmente integrados na aplicación.
Entre as principais características de BI Publisher atópanse as seguintes: é unha ferramenta cen por cen web, permite acceso aos informes empregando dispositivos móbiles (ofrece maiores funcionalidades orientadas a terminais táctiles mediante tecnoloxía HTML5), fornece de seguridade no acceso á información, intégrase ao completo con Libra ERP e posibilita o acceso aos datos por parte do usuario sen necesidade de instalar programas extra. Ademais, xera informes sen que sexa preciso modificar o código de Libra ERP e unifica o deseño para os novos informes xerados. Tamén pon en xogo unha visualización gráficos de documentación en informes estáticos e dinámicos e permite realizar novos informes xerados dende un único modelo de datos en formato XML, entre outras moitas funcionalidades.
Segundo informa Edisa, con este acordo, achégase ao usuario unha licenza que dá acceso a toda a funcionalidade de Libra, soportada pola última tecnoloxía de Oracle.

PUBLICIDADE