A quinta Agora Empresarial Ferrolterra xira este martes arredor da transformación dixital

luns, 20 de xuño do 2016 Redacción

A Asociación de Empresarios de Ferrolterra vai organizar este martes a quinta edición da xuntanza Ágora Empresarial, desenvolvida desta volta baixo o epígrafe Ferrolterra Innova. O obxectivo do evento é “orientar no proceso de transformación dixital das empresas salientando o liderado do empresario para acadar máis competitividade e internacionalización”. Contarase coa presenza de Eduardo García Erquiaga, experto en dirección estratéxica e competitividade empresarial. Tamén intervirá Manuel Alonso Coto, profesional con ampla experiencia profesional e académica en xestión tecnolóxica da mercadotecnia e dixitalización da empresa. Haberá, tamén, representantes do IGAPE, da Universidade, da Autoridade Portuaria e da Administración Local.
A cita desenvolverase en horario de 9.30 a 14.15 horas no Sercotel Odeón. Trátase da quinta edición da Ágora Empresarial Ferrolterra, un foro de reflexión e debate para afondar na importancia da innovación como estratexia de competitividade. O obxectivo desta nova edición, máis en concreto, “é orientar ao tecido empresarial de Ferrolterra no proceso de transformación dixital da empresa, desde a mercadotecnia até a xestión de persoas, cuxo éxito depende en boa medida do liderado dos equipos directivos e das sinerxias co resto dos actores implicados no desenvolvemento socio económico do territorio”.
A primeiro relatorio será ás 10.00 horas e correrá a cargo de Eduardo García Erquiaga, baixo o título Liderado e competitividade. E agora que? Dirixir empresas trala gran crise: o papel do piloto”.
Tras unha pausa para café, ás 11.30 horas darase paso ás mesas redondas nas que participarán representantes do IGAPE, da Universidade, da Autoridade Portuaria e da Administración Local. Terán como título Competitividade da empresa de Ferrolterra. “Neste foro”, informan os organizadores, “os participantes aportarán en primeira persoa a súa visión sobre a realidade empresarial e as perspectivas para o colectivo de empresas da comarca”.
Por último, ás 13.00 horas terá lugar a conferencia Innovar para competir: Folla de ruta para innovar dixitalizando a túa empresa, a cargo de Manuel Alonso Coto.
As persoas interesadas poden asistir á primeira parte das xornadas, á segunda, ou á xornada completa e poden inscribirse na Asociación de Empresarios Ferrolterra, chamando ao teléfono 981 333 305 ou no correo info@empresarios-ferrolterra.org.
As sucesivas edicións de Ágora Empresarial Ferrolterra pretenden ser “unha ferramenta para que os líderes empresariais e institucionais da comarca repensen os modos de xestionar e liderar”, sinala a AEF, impulsora destas xuntanzas sobre innovación e xestión, que lembra como o formato do evento “foi evolucionando ao longo do tempo”, polo que ás intervencións dos relatores engadiuse agora “a busca de elementos que permitan a posta en común da visión dos participantes sobre a realidade empresarial de Ferrolterra”. O evento conta coa colaboración do IGAPE, Galicia Bussiness School e o Concello de Narón.

PUBLICIDADE