A rede galega Cabozo dá acubillo xa a arredor de 7.000 usuarios

luns, 20 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Antonio Mariño e Ángel Folgueira de Cabozo.com

Cabozo, a rede social galega da que xa temos falado en Código Cero con motivo da posta en marcha da súa versión 2.0, ou co gallo da posibilidade de comunicármonos con outros usuarios a través de videoconferencia, vén de amosar na Rede todo o seu potencial. A entrevista en cuestión, unha oportunidade para esculcar na historia dunha das nosas webs, serve tamén para amosar os froitos recollidos ao longo de catro anos de vida e para dar claves sobre o que nos vai deparar Cabozo. Por exemplo: que xa ten unha comunidade de 7.000 internautas.
E todo da man dunha rede social que é galega de principio a fin (toda ela escrita na nosa lingua), que conta cun código propio creado totalmente dende cero e que xa foi cualificada como a primeira rede social de especialización territorial en España. Ao longo do vieiro percorrido non houbo axudas nin apoio institucional, ao que cómpre engadir a falta de compromiso dos medios de comunicación, preocupados como estamos as máis das veces de valorar o que fan outros, en troques de promover o de aquí, como sería xusto e natural. Precisan máis apoios por parte dos novos comunicadores e os representantes da nosa cultura dixital, sinalan dende Cabozo na exhaustiva entrevista que ofrece Galicia Confidencial, na que tamén se achega, unha completa listaxe das cousas beneficiosas para a saúde humana que extraen cada día de Cabozo os seus usuarios: liberdade absoluta para entrar e saír, ausencia de filtracións e de malos usos dos datos, control real e total sobre o que se comparte na web, posibilidade de eliminar contidos que non se desexa que sexan visíbeis e de administrar totalmente o muro ou os grupos dos que somos creadores, etc.
Detrás de Cabozo, lémbranos o dito medio, están Antonio Mariño (Viveiro,1976), informático residente en Alemaña, onde actualmente traballa para Siemens; e Ángel Folgueira (Santander, 1976), residente en Lugo, especialista en dirección de recursos humanos e relacións laborais, e en xestión da presenza online empresarial.

PUBLICIDADE