A robótica asistencial xaponesa deixarase ver na Coruña

xoves, 17 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Entre os días 23 e 25 de novembro vai celebrarse a I Semana Cultural Xaponesa en Galicia, con actividades en A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela que van dende exhibicións de judo, kendo e aikido, até charlas e obradoiros de cociña xaponesa, entre as que queremos destacar unha conferencia que terá lugar na sede coruñesa do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) sobre a estratexia robótica no Xapón.
A este encontro acudirá Kenji Hirata, ministro da embaixada do Xapón, quen estará acompañado por Celestino Álvarez, CEO de Adele Robots, quen presentará a Nüka, un exemplo de robótica asistencial que consiste nun robot con forma de bebé foca desenvolvido no Instituto Nacional de Ciencia e Tecnoloxía Industrial Avanzada do Xapón (AIST) e que ofrece uns beneficios semellantes aos da terapia animal suprimindo os riscos derivados desta.
O deseño do robot convérteno nunha criatura entrañable, indicada para ser utilizada en tratamentos con persoas con síntomas de demencia, persoas maiores, nenos hospitalizados ou persoas con algunha discapacidade psíquica, onde é preciso traballar a parte afectiva.
A conferencia está aberta ao público xeral, con entrada libre até completar aforo, e terá lugar o venres 25 ás 18:00 horas no salón de actos sito no terceiro andar do MUNCYT Coruña, dende onde tamén dan conta de que durante o sábado e o domingo desenvolverán obradoiros e diversas actividades sobre robótica dirixidas a toda a familia, o que facilitará que os visitantes coñezan a BeeBot, Primo, Dash, Kbot e mBot, creen videoxogos 3D con Kodu ou manexen un simulador de viaxe espacial no obradoiro de Kerbal.

PUBLICIDADE