A semana de recollida de RAAE en Pontevedra permitiu reunir máis de 50 aparellos
xoves, 28 de maio do 2015
A Vicerreitoría
do Campus de Pontevedra fixo reconto do material xuntando para
reciclaxe ao longo da semana da recollida de RAAE (Refugallos de
Aparellos Eléctricos e Electrónicos), celebrada entre o 18 e 22 de
maio: máis de medio cento de aparellos electrónicos (monitores,
computadoras, impresoras e unha morea de móbiles, teclados e
cables). A primeira edición desta campaña (inserida no programa
Green Campus e desenvolvida nos diferentes centros do Campus) terá
continuidade en datas vindeiras.
Segundo salienta o
vicerreitor Juan Manuel Corbacho, a iniciativa foi “moi positiva”,
ao igual que a implicación e participación da comunidade
universitaria.
A recollida de material foi desenvolvida co gallo
da celebración o 17 de maio do Día Mundial da Reciclaxe, “nunhas
datas nas que a xente está moi centrada nos exames ou nos traballos
de fin de grao”, engadiu o vicerreitor.
Contribuír ao correcto
tratamento destes residuos e, ao mesmo tempo, concienciar á
comunidade universitaria da importancia da reciclaxe e o risco que os
RAEE para o medio ambiente eran os dous obxectivos dunha iniciativa
que forma parte do plan de acción do proxecto Green Campus e que a
Vicerreitoría levou a cabo coa colaboración da Oficina de Medio
Ambiente da Universidade, encargada de realizar a recollida dos
dispositivos depositados nos diferentes puntos para trasladalos a un
xestor autorizado.
Respecto das vindeiras
edicións, Corbacho adianta que a idea é levar a cabo unha segunda
recollida a finais de xaneiro, “coincidindo co inicio do segundo
semestre e co período de rebaixas, no que normalmente se mercan
novos equipos, o que provoca que teñamos na casa outra serie de
aparellos que xa non se van a usar nin teñen valor”.