A tarifa plana 13 de R incluirá 4G a partires do mes que vén

luns, 26 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Hai un mes o operador R anunciou o inicio do seu proceso de migración da rede de Vodafone á de Orange, o que facilitaba a chegada do 4G aos clientes das súas tarifas móbiles cun mínimo de 3 GB de datos contratados, e aínda que esta limitación causara bastante malestar entre clientes que levaban 3 anos agardando polo 4G e agora vían como non estaba dispoñible na súa tarifa actual, dende a compañía anticipaban que revisarían a súa estrutura de tarifas ao rematar a migración de todas as liñas dos seus clientes.
Finalmente non quixeron agardar a primeiros de 2017, e será o vindeiro 1 de outubro cando, atendendo ás suxestións dos seus clientes, R mudará as condicións da súa tarifa plana 13, que por 13 euros/mes inclúe 150 minutos en chamadas e 1,5 GB de datos, e que co comezo do novo mes tamén contará con datos en 4G, de xeito que as únicas das tarifas principais de R que quedarían sen LTE serían a tarifa 1 (que só conta con 500 MB de datos ao mes) e a tarifa R 2GB (con 2 GB de datos), sorprendendo o caso desta última tarifa, que polo momento non goza de 4G pese a ter máis capacidade de descarga que a tarifa plana 13.

PUBLICIDADE