A taxa de fogares conectados á Rede con banda larga medrou este ano nun 8,5%

venres, 2 de outubro do 2015 Redacción

O Instituto Nacional de Estatística vén de publicar datos sobre equipamento e uso das TIC que complementan as recentes informacións achegadas polo observatorio OSIMGA sobre o uso e dispoñibilidade de banda larga nos fogares galegos ao longo do ano en curso (o 70,3% das nosas familias xa dispoñen de Rede de banda larga). No que respecta ao informe do INE, que nos chega agora a través de OSIMGA, sinálase que o 75% dos domicilios galegos están conectados á Rede mediante banda larga, un 8,5% máis ca no ano 2014. Isto significa que Galicia está a tres puntos de distancia da medida estatal. O incremento na nosa terra foi do 61% se falamos do último lustro (en 2010 a taxa era do 46,5%).
Segundo os datos que ofrece o INE, o 73% dos fogares galegos dispón de polo menos un computador, sendo a suba do 0,6% con respecto aos datos do ano anterior. A media estatal (76%) rexistrou un medre do 1,6% no último ano. Por conexión, entre as vivendas que dispoñen de acceso a Internet, un 79% adoita facelo a través de dispositivos de man, 2 puntos máis que a media estatal. A conexión a Internet a través de rede por cable ou fibra óptica sitúase nun 29%, 1 punto máis que a media estatal. No que atinxe ao tamaño do hábitat, o informe salienta que o ritmo de medre dos indicadores relacionados coa dotación de equipamento TIC nos concellos galegos de menos de 10.000 habitantes (o 82% do total) é superior ao incremento estatal. Nestes municipios a conexión de banda larga medrou un 12,2% mentres que a media estatal creceu tan só un 9,4%, sinala a investigación do INE e reflicten os investigadores do observatorio OSIMGA, facendo fincapé nos números e nos indicadores aplicados á nosa terra. O observatorio tamén sinala que nos concellos con poboación de 20.000 a 50.000 habitantes, a media galega segue a superar á estatal nos 3 indicadores principais: vivendas con ordenador, con acceso a Internet e con banda larga. A porcentaxe de vivendas con ordenador acada case o 80%, superando a media estatal en 6 puntos.
Na investigación tamén se lembra que o 68% das galegas e galegos empregaron o computador nos últimos tres meses e un 72% tirou proveito de Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 3,9%, con respecto ao ano anterior, semellante ao crecemento do conxunto do Estado (3,7%). Por outra banda, un 30% da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo a través de Internet nos últimos tres meses, situándonos a 2 puntos da media estatal (32%) e experimentando un crecemento do 15,8% respecto ao ano anterior.

PUBLICIDADE