A telefonía móbil recupera a tónica descendente e perde 160.000 liñas

mércores, 7 de agosto do 2013 Fernando Sarasketa

A gráfica anual das liñas de telefonía móbil en España é unha costa abaixo cun lixeiro repeito e logo de novo un descenso: a ruta máis ou menos descansada de calquera ciclista. O lixeiro repeito correspondeu a maio e a recuperación da liña en descenso ao mes de xuño, mes no que a telefonía móbil volve, segundo a CMT, a números vermellos. Para entendérmonos, perdéronse 160.000 liñas. Con estes números, o total sitúase nos 51,9 millóns de liñas, un 4,9 menos que hai un ano. O 61% das que se deron de baixa corresponden a liñas de voz e o 39% restante a tarxetas de datos. Nun panorama coma este, só gañaron liñas os operadores móbiles virtuais, que son as compañías que arestora contan con máis marxe de flexibilidade e que en boa medida comezan dende índices máis baixos cós seus competidores de corte máis tradicional (polo que só lles queda medrar).

Balance neto de liñas (en milleiros) por operadores no mes de xuño, constatando que só os OMV están a gañar clientes

Estes operadores non teñen concesión de espectro de frecuencia e carecen de rede propia de radio. O caso é que malia estes baleiros estruturais, conseguiron sumar 195.870 liñas. Pola contra, Yoigo perdeu 121.900 liñas; Movistar, 102.440 liñas; Vodafone, 90.920; e Orange, 40.550.
No que atinxe á banda larga, xuño semella que foi máis benevolente que coa telefonía móbil. Así, houbo unha ganancia neta de 27.755 novas liñas de banda larga. Por compañías, 4.060 para Telefónica e 41.920 novas liñas para os operadores alternativos. Os operadores de cable obtiveron unhas perdas netas de -18.220 clientes. Polo que atinxe á fibra óptica, en xuño sumáronse 18.110 novas liñas desta tecnoloxía dirixida até o fogar (FTTH) e en total xa son 483.813 liñas. En telefonía fixa continuouse coa tónica de descenso e déronse de baixa en xuño 27.374 liñas. O total sitúase en 18,9 millóns de liñas, un 1,8% menos que hai un ano.

PUBLICIDADE