A versión de Line para Google Chrome poderá usarse en múltiples PC cunha única descarga

xoves, 30 de xullo do 2015 Redacción

O operador de chamadas de balde e servizos de mensaxería Line vén de anunciar o lanzamento dunha versión de seu para Google Chrome, unha nova achega que engadir ás aplicacións Line xa dispoñíbeis para Windows, Mac e Linux. Segundo informan fontes da compañía, a nova versión (alén do feito de ser para Google Chrome) ten unha característica que a diferencian das modalidades previas que xa existen para PC: con Line para Google Chrome os usuarios só teñen que instalarse o software unha vez e poderán tirar partido del en calquera PC a través da súa conta do buscador.
Entre os engadidos extra tamén se fornece a funcionalidade de captura de pantalla ou de envío rápido e eficaz de arquivos de até un gigabyte de tamaño. Asemade, introduce outra característica chamada Memos, que permite aos usuarios dar forma aos seus propios apuntamentos ou gardar e organizar textos e imaxes. A función Memos amplía o número de dispositivos dispoñíbeis para quen tire proveito de Line, posibilitando o carrexo de listaxes de tarefas pendentes dun dispositivo a outro, “simplemente entrando coa súa conta de Google”. A versión de Line para Google Chrome non ofrece a posibilidade de inicio de sesión automático, “co fin de protexer a seguridade dos internautas”.

PUBLICIDADE