A viguesa Boardfy pecha unha rolda de financiamento de 230.000 euros

venres, 28 de xullo do 2017 Marcus Fernández

A plataforma de monitorización de prezos en liña Boardfy vén de pechar a súa primeira rolda de financiamento por un importe de 230.000 euros, operación liderada polo Banco Sabadell a través de BStartup10 á que tamén acudiron investidores como Jaime Ferré e o galego Carlos Blanco (quen xa exercera como business angel na creación da compañía), membros de ESADE BAN e outros axentes do sector, facilitando así que a compañía poida incrementar o seu equipo comercial (en Barcelona) e de desenvolvemento (en Vigo) para incrementar as súas funcionalidades e o seu proceso de internacionalización.

Lavin Luis e Fernando Gómez son os fundadores de Boardfy

A compañía viguesa, fundada polo experto en comercio electrónico Fernando Gómez e o emprendedor en serie Lavin Luis, participou da aceleración de Conector, sendo tamén seleccionada entre as 15 startups na pasada edición de VíaGalicia, e tras preto dun ano no mercado conseguiu posicionarse como unha das solucións chave de automatización e monitorización de prezos en liña, logrando un crecemento recorrente mensual dun 25% en facturación.
Boardfy ofrece ás tendas de comercio electrónico e aos vendedores en marketplaces a posibilidade de monitorizar os prezos dos seus competidores practicamente en tempo real, así como mudar os seus prezos de xeito automático a partires de regras de comportamento en base a múltiples variables, buscando sempre optimizar as marxes de beneficio de cada produto.
As marcas tamén poden facer uso desta ferramenta para controlar aos seus distribuidores no contorno dixital, monitorizando en todo momento os prezos aos que se venden os seus produtos e detectando aos vendedores que non respectan os prezos de venda recomendados.

A rolda de financiamento de Boardfy permitirá, entre outras cousas, incrementar o equipo de desenvolvemento da plataforma, que traballa dende a cidade de Vigo

PUBLICIDADE