A vindeira fin de semana botará a andar a simetría na fibra óptica de Movistar

mércores, 4 de maio do 2016 Marcus Fernández

Durante os últimos meses moitos son os comentarios e rumores sobre a chegada da simetría ás conexións domésticas de fibra óptica de Movistar, e despois de que o diario Expansión confirmase que chegaría en maio e sería de balde para os clientes de Fusión, agora chega outro xornal económico, Cinco Días, e confirma que a data exacta na que comezarán a ofrecerse as conexións simétricas de 300 e 30 Mbps será o vindeiro sábado, día a partires dos que os novos clientes comezarán a recibir as novas velocidades, mentres que os clientes de Movistar Fusión+ só terán que pedir o cambio ás novas velocidades á través das canles habituais.
Os usuarios que non teñan Fusión e queiran gozar dunha conexión de fibra óptica simétrica deberán pagar un suplemento de 5 euros, ou sexa, que con estes prezos o operador pretende bonificar aos usuarios con ofertas converxentes, que gozarán de conexións á Rede de moito mellor calidade sen custo adicional.
Actualmente Telefónica conta cuns 2,5 millóns de clientes de fibra óptica, que poderán beneficiarse deste importante cambio no acceso á Rede que equipara a velocidade de carga e descarga de contidos á Internet, o que na práctica supón multiplicar por 10 a velocidade de subida habitual, de xeito que pode considerar como o meirande incremento de velocidade na historia da banda larga en España.

PUBLICIDADE