A web de AMTEGA incorpórase ao dominio galego

luns, 6 de xullo do 2015 Redacción

A Xunta anunciou esta fin de semana o inicio do proceso de migración dos portais autonómicos ao dominio .gal, proceso que arranca coa incorporación ao dominio galego da web da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA. Con este plan, a Xunta dá cumprimento ao Decreto aprobado o pasado 13 de maio,que regula a organización da presenza en internet da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Segundo informa AMTEGA, arestora son 208 os portais que integran o catálogo da Xunta e o plan prevé que un terzo dos mesmos tiren proveito do dominio galego ao remate deste ano.
O proceso rematará ao longo de 2016, “ano no que se migrarán tamén as contas de correo corporativo”. Lembrar que no 25 de xullo do ano pasado, a Administración autonómica integrouse no .gal coa activación de nove dominios na Rede, aos que se foron sumando logo a Libraría Institucional de Galicia libraria.xunta.gal; a do Museo das Peregrinacións e de Santiago museoperegrinacions.xunta.gal; a da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia evega.xunta.gal ou o recentemente renovado portal Eido Local, www.eidolocal.gal e o portal de Museos de Galicia museos.xunta.gal.

PUBLICIDADE