ABANCA permite aos non clientes abrir unha conta a través de videoconferencia

martes, 14 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Esta mañá o director de Innovación de ABANCA, Eduardo Aldao, e o xerente de ABANCA Dixital, Javier Díaz, presentaron no Centro ABANCA Innova da Coruña un novo servizo deseñado pola entidade financeira para facerse cliente dende o móbil a través de videoconferencia, evitando así que sexa preciso desprazarse até unha oficina física para realizar tal trámite.
O novo servizo de ABANCA chega a través da aplicación móbil da entidade, e permite que en menos de dez minutos un usuario que non sexa cliente poderá contratar unha Conta Clara, produto dixital que permite ter unha conta corrente e unha conta a prazo conectadas entre si para aforrar de xeito automático. Non ten comisións e as tarxetas de débito, de crédito e as transferencias son de balde sempre que se opera en canles dixitais.

Dende a aplicación móbil é preciso dixitalizar o noso DNI

O interesado en darse de alta a través deste innovador xeito terá que descargar a aplicación de ABANCA no seu smartphone, identificarse como non cliente, capturar o seu DNI mediante a cámara do teléfono, introducir os seus datos persoais e económicos (en cumprimento da normativa vixente), recibir logo unha videochamada na que realizaranse unha serie de comprobacións (como contrastar que a persoa que realiza a solicitude é a que figura no DNI achegado) e, finalmente, responder a un correo electrónico de verificación e asinar os documentos que remite a entidade bancaria.

Eduardo Aldao destacou que optaron por desenvolver unha solución móbil nativa para coidar a experiencia de usuario ao máximo

O director de Innovación de ABANCA, Eduardo Aldao, destacou que esta ferramenta desenvolveuse como aplicación nativa para unha mellor experiencia de usuario, precisando uns 6 meses para a creación desta funcionalidade que tira proveito de tecnoloxías de última xeración, como intelixencia artificial para detectar se as fotografías do DNI que se transmiten a través da aplicación teñen calidade suficiente ou foron manipuladas, procurando sempre pensar no usuario e cinguíndose as obrigas que establece os regulamentos bancarios.

Francisco Martínez, xerente de mobilidade, facendo unha demostración do sistema de videoconferencia que vén de estrear ABANCA

PUBLICIDADE