AGADIC organiza un curso de e-mail marketing para profesionais do sector teatral

venres, 20 de maio do 2016 Redacción

O 6 de xuño, entre as 10:00 e as 13:00 horas, a biblioteca do Consello da Cultura Galega servirá de punto de encontro para un total de 25 profesionais do sector teatral galego interesados en coñecer as posibilidades do marketing por correo electrónico, xa que alí gozarán dun seminario organizado por AGADIC coa colaboración da Coordinadora de Feiras de Artes Escénicas do Estado Español (COFAE).
Esta sesión formativa desenvolverase no marco da cuarta edición de Galicia Escena PRO, e ten como obxectivo afondar nas posibilidades do e-mail marketing como un dos medios máis accesibles, utilizados, económicos e resolutivos para establecer unha comunicación efectiva cos públicos e con outras comunidades de receptores.
O curso correrá a cargo de Pepe Zapata, socio da consultora Teknecultura, quen xa impartira na pasada edición de Galicia Escena PRO un seminario de estratexia dixital para compañías de artes escénicas. Nesta ocasión, volverá a Compostela para ensinar, por exemplo, como segmentar e xestionar as listas de destinatarios ou como establecer métricas e interpretar informes de cumprimento de obxectivos de comunicación a través de e-mail marketing, ademais de abordar o funcionamento dunha das ferramentas máis populares para tal finalidade, MailChimp.
Esta formación vai destinada especificamente a artistas de artes escénicas, produtoras e distribuidoras de espectáculos, xestores culturais e responsables de marketing e comunicación de organizacións culturais.

PUBLICIDADE