AGASOL achega a xornada colaboraTIC.gal para impulsar ao máximo a colaboración empresarial

luns, 23 de maio do 2016 Redacción

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) quere habilitar novos espazos para a colaboración entre empresas e profesionais: espazos onde para coñecerse cooperaren coma se as fórmulas de traballo da comunidade internacional de tecnoloxías abertas se transformaran en recursos visíbeis e escenarios concretos. Co fin de impulsar este propósito, o vindeiro 17 de xuño celébrase a xornada colaboraTIC.gal. AGASOL está a facer un chamamento ás nosas compañías e profesionais para presentar nesta actividade cadanseus “proxectos/ideas/empresas”. Proxectos a asociación, onde “a maridaxe software libre-empresa sexa chave”. A previsión é dar acubillo “a algunhas das mellores experiencias de colaboración entre software e outros eidos a través de interesantes mesas de experiencias”.
A cita será o 17 de xuño con horario de 9.30 a 15.00 horas (asistencia de balde, previa inscrición na páxina web, rematando o prazo o último día de maio). Celébrase na Sala Eismann da Cidade da Cultura en Santiago e contará coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). A xornada artéllase en dúas partes. A primeira, a de mañá, corresponderá á presentación de boas prácticas no eido da cooperación entre o software libre e o tecido empresarial. A asistencia a esta vertente da xornada é libre e gratuíta pudendo asistir calquera persoa interesada en coñecer novos modelos de colaboración e traballo entre o eido das tecnoloxías abertas e outros sectores empresariais. A outra vertente da xornada é a de tarde, o espazo Speed-dating. Trátase dun espazo dirixido a favorecer encontros entre empresas centradas no software libre e outros eidos do tecido empresarial (industrial, deseño, agro-gandeiro, pesqueiro, etc). Segundo lembra a organización, só poderán asistir ao Speed-dating aquelas empresas/proxectos seleccionados. Para participar nel, sinala AGASOL, “é preciso adaptarse ás presentes bases e cubrir un formulario de inscrición”. As solicitudes recibidas serán valoradas en base a unha serie de criterios previamente definidos. Seleccionaranse 10 empresas/proxectos de software libre e 10 empresas/proxectos doutros eidos.
Poderán participar no encontro, por parte do sector open source que representa AGASOL, membros de empresas galegas (e profesionais autónomos) desenvolvedoras e/ou comercializadoras de solucións en código aberto. Por parte doutros sectores (non pertencentes ao sector tecnolóxico en sentido estrito) estarán en disposición de concorrer representantes de empresas galegas (e profesionais autónomos) de calquera sector que consideren que as tecnoloxías libres poden ser un bo aliado para o desenvolvemento de proxectos e accións conxuntas.

PUBLICIDADE