AGASOL lembra que os meirandes aforros e marxes de manobra nas empresas acádanse con software libre

xoves, 4 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

A secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, e o xerente de AGASOL, Luis Alberto Fernández, na apertura da xornada en Santiago

Cando a mesmísima Microsoft, abandeirada do software pechado, comeza a botar man do software libre para dar forma aos blogs dos usuarios, cómpre quitármonos da cabeza, dunha vez por todas e de xeito definitivo, o concepto de programación aberta como vía morta sen negocio e rendibilidade posible. Este obxectivo de botar abaixo ideas preconcibidas, as máis das veces inseridas nos nosos miolos por corporacións ás que lles convén inserírnolas, animou a apertura e desenvolvemento da primeira das xornadas que AGASOL dedica este mes de novembro á difusión das vantaxes do software libre nas principais cidades da nosa terra. Falamos dos encontros Software libre contra a crise, segunda edición dos celebrados o ano pasado e que contan co apoio da Secretaría Xeral de Modernización e a Fundación para o Fomento da Calidade. As xornadas, dirixidas a botar luz sobre as vantaxes da programación perante as empresas galegas de calquera sector, chegarán os días vindeiros a Lugo (día 9), A Coruña (11), Vigo (16), Ourense (18) e Ferrol (25).
Nesta primeira quenda contouse coa presenza de Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización, quen abriu as sesións relembrando que o Goberno galego quere apostar polo software libre, estratexia da que forma parte o programa Abalar para a dixitalización das aulas galegas con ultraportátiles e outros trebellos. De feito, dixo, tódolos equipos postos en xogo, milleiros deles, contan con programación aberta. Mar Pereira tamén fixo referencia ao Centro Demostrador de Software que se vai pór en marcha no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (sede, precisamente, da xornada de AGASOL da que estamos a falar) e que servirá para impulsar programas abertos feitos ou promovidos dende a nosa terra.
Na xornada de apertura tamén participaron Santiago Argüeso (Pexego), Alejandro Escobar (Aitire), Gumersindo Veloso (Redegal) e máis Roberto Brenlla (TEGNIX), que fixeron fincapé no amplo potencial das nosas firmas de software libre para contribuír á mellora dos procesos en calquera empresa do sector.
Para Roberto Brenlla, que abriu a quenda de relatorios, cómpre ter en conta que, empregando programación aberta dende unha empresa, non só estaremos a contribuír a xerar riqueza propia (dándolle uso a programas feitos ou impulsados dende aquí) senón que favoreceremos un meirande control dos nosos recursos e dos nosos datos. Asemade, dixo, a programación aberta é especialmente rendible, introducindo un importante factor de aforro para as empresas, xa que non as limita con elevados pagos de licenzas nin cun ocultamento do código fonte que impida adaptacións. Todo isto non implica que non haxa negocio dentro do software libre, todo o contrario. “O noso modelo”, aclarou, “non difire moito do que pode ser un asesoramento contable”. Como recordou, calquera pode levar a súa propia contabilidade, pero case sempre se delega nun profesional, porque será quen de facelo mellor. Pois así tamén operan as empresas de código aberto, favorecendo o asesoramento, o aforro de custes, a achega de coñecemento e, tamén, a arelada estandarización. Sobre este último punto e co fin de explicalo, Brenlla retrotraeuse a 1904, ano en que a cidade de Baltimore padeceu un incendio que a deixou devastada, e no que non serviron de nada as achegas de recursos humanos e mecánicos procedentes de cidades próximas como Washington ou Philadelphia. O problema, dixo, radicaba no mesmo que nos impide hoxe en día empregar un cargador de teléfonos Nokia para un trebello Samsung: a falta de estandarización. De feito, e volvendo a Baltimore, daquela non lles serviron de nada os accesos a auga da dita cidade aos bombeiros que viñan doutras cidades, porque eran de distinto tamaño e forma. “Isto acontece tamén co software privativo”, aclarou, un tipo de programación que non nos achegará nada se lle buscamos o miolo, xa que só atoparemos información indescifrable, non así as ferramentas do código aberto.
Datas previstas para a xira informativa de AGASOL
SANTIAGO 04/11/2010 9:45-14:00 (inscrición online)
Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia
Rúa Airas Nunes, s/n – Conxo
LUGO 09/11/2010 10:00-14:00 (inscrición online)
Confederación de Empresarios de Lugo
Praza Santo Domingo, 6-8-2º
A CORUÑA 11/11/2010 10:00-14:00 (inscrición online)
Confederación de Empresarios de A Coruña
Praza Luis Seoane, torre 1, entreplanta
VIGO 16/11/2010 10:00-14:00 (inscrición online)
Confederación de Empresarios de Pontevedra
Avda. García Barbón nº 104, 1.ª
OURENSE 18/11/2010 16:00-20:00 (inscrición online)
Confederación de Empresarios de Ourense
Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao
Rúa Ricardo Martín Esperanza s/n, Edificio Multiusos
FERROL 25/11/2010 10:00-14:00 (inscrición online)
Centro de Innovación e Servizos de Galicia
A Cabana s/n
Programa das xornadas (Ourense pola tarde)
• 10:00 -10:15 Presentación institucional da xornada
• 10:15 -11:00 Software libre: Solucións exitosas para a PEME.
Relator: Roberto Brenlla (TEGNIX)
• 11:00 -11:45 Mellora da xestión empresarial. O caso de éxito de OpenERP.
Relator: Santiago Argüeso (Pexego)
• 11:45 -12:00 Pausa café.
• 12:00 -12:45 Administración de sistemas. Aibox.
Relator: Alejandro Escobar (Aitire)
• 12:45 –13:30 Creación de portais corporativos con software libre. Joomla e Typo3.
Relator: Gumersindo Veloso (Redegal)
• 13:30 -14:00 Coloquio e Peche xornada.

PUBLICIDADE