AGASOL lévanos da man ás múltiples vantaxes de OpenNebula

mércores, 1 de outubro do 2014 Redacción

A vindeira semana, máis polo miúdo o 8 de outubro, AGASOL (Asociación Galega de Empresas de Software Libre) organiza unha xornada técnica e tecnolóxica sobre OpenNebula, unha ferramenta aberta de computación na nube que, segundo sinala a entidade empresarial galega, presenta un amplo abano de posibilidades para o noso sector TIC e para o restante tecido produtivo do país. En boa medida, engade AGASOL, porque pode ser usada como plataforma de administración de infraestrutura cloud, e coa vantaxe de ser aberta, adaptábel ás nosas necesidades e estar apoiada por unha comunidade de usuarios e desenvolvedores que non para de medrar. A xuízo de AGASOL, a xornada técnica é un dos grandes acontecementos galegos do ano en materia de software libre. Será en Santiago, no Centro Demostrador TIC (CNTG).
O evento, que conta co apoio do fabricante da ferramenta, insírese na fórmula dos OpenNebula Techdays, que son xeiras completas de traballo destinadas a coñecer as funcionalidades e vantaxes deste recurso tecnolóxico e incluíndo, entre outras cousas, unha “instalación de nube mans enriba”, un obradoiro de operación e máis presentacións de membros da comunidade e de usuarios en xeral.
A xornada, coma todas as da súa serie, está dirixida a arquitectos en computación na nube, administradores de bases de datos e de sistemas, integradores de sistemas, desenvolvedores de arquitecturas e e de solucións tecnolóxicas en xeral.
O obxectivo específico é atopar relatores e usuarios locais para fomentar reunións e colaboracións futuras en torno ás experiencias que favorece OpenNebula. A xornada incluirá entre outras cousas un obradoiro a cargo de Jaime Melis, enxeñeiro na dita comunidade-plataforma de código aberto, quen se encargará, a partir das 9.00 da mañá, de achegar unha visión xeral de como funciona OpenNebula á hora de construír espazos propios na nube. Tamén haberá contidos destinados a introducirnos na plataforma e na súa configuración, salientándose ao mesmo tempo as vantaxes e beneficios de empregar ferramentas de virtualización e de computación na nube que ademais, teñan o engadido de seren abertas.

PUBLICIDADE