AGESTIC presenta un proxecto en liña para facilitar ás nosas mulleres a busca de traballo
venres, 24 de febreiro do 2012
A sede da
Confederación de Empresarios de Lugo acolleu este venres a
presentación dun proxecto en liña dirixido, entre outras cousas, a
facilitármonos a obtención dun posto de traballo. Trátase de
Destino Emprego,
iniciativa que vén da man da Asociación Galega de Empresas TIC,
AGESTIC, ao abeiro da
estratexia do Ministerio de Industria para afianzar as redes a
tódolos niveis sociais: o Plan Avanza. O proxecto, segundo se fixo
saber en Lugo, está especialmente dirixido ás mulleres galegas e é
cen por cen de balde e cen por cen en liña.
Isto significa que podemos
tirar partido das súas vantaxes sen necesidade de acudir a un espazo
físico de formación e asesoramento, cousa moi de agradecer para a
sociedade galega, especialmente dispersa e con forte presenza no
rural. Segundo fixeron saber os responsábeis do programa, estamos
ante “unha experiencia piloto moi innovadora que, sobre a base
dos servizos dixitais dispoñíbeis na Rede, propón un itinerario en
liña en forma de mapa de metro para fomentar e mellorar o emprego, o
autoemprego e o espírito empresarial das mulleres que estean en
situación de desemprego e desexen procurar traballo ou facer
realidade un proxecto de mercado”.
Na
presentación celebrada en Lugo, na que participou directamente o
presidente de AGESTIC, José María López Bourio, fíxose un
percorrido polos métodos e polos recursos a empregar pola
iniciativa, que van dende as titorías personalizadas ao asesoramento
en materia de formación TIC. Tamén se contribuirá a facilitar a
conciliación da vida familiar e laboral, fomentarase a posta en
marcha de empresas de base dixital e a participación da muller na
Sociedade da Información, etc. O proxecto, sinalouse, é un dos dez
concedidos na convocatoria Avanza do pasado ano en canto a igualdade
de xénero e emprendemento, cousa na que xa ten experiencia AGESTIC
(co seu proxecto Nin
máis nin menos, por exemplo).