AI denuncia que o ADSL é máis enganoso canto mellores condicións se ofrecen

xoves, 26 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

Nisto do ADSL, como en tantas outras cousas da vida, canto máis che prometen, menos ofrecen finalmente. Ou sexa, que non por tratarse dun eido novo, o de acceso de alta velocidade á Rede, se está a ver ceibo dunha das arelas máis vellas do ser humano dende que pisou o mundo: a arela de aproveitarse un algo dos demais e que non pareza tal senón todo o contrario. Segundo está a informar un dos colectivos que máis adoita a aparecer nas listaxes negras das operadoras e das majors discográficas, a Asociación de Internautas, canto maior é a velocidade contratada máis posibilidades teremos de que as condicións fixadas fiquen en papel mollado. O dato, ofrecido con outros moitos do mesmo pau na sexta edición do seu Estudo de velocidade de acceso a Internet, obtívose sobre un traballo de investigación dos que rebentan pola súa exhaustividade: fíxose sobre unha mostra de máis de 16 millóns de probas entre xaneiro de 2007 e febreiro de 2008.
O eido tratado estaba constituído por un 70,4% de ADSL e un 29,6% de cablemódem. Por operadores, que é o que nos interesa, o maior número de probas correspóndese a usuarios de Telefónica (36%), seguidos dos de Ono (15,84%).
Entre outras, do estudo a Asociación de Internautas quita as seguintes valoracións:
· Sempre é posible atopar un operador de ADSL que supere aos de cable na porcentaxe de velocidade de descarga, “xa sexa porque estes actúan limitando rede ou porque as infraestruturas non están dimensionadas de xeito correcto para a demanda compartida que limita a esta tecnoloxía”, sinalan.
· Os reducidos parámetros de descarga que achegan algúns operadores de ADSL están ligados a ofertas temerarias ou enganosas “que non teñen en consideración a distancia entre o fogar do cliente e a central de acceso”.
· O medre das velocidades de descarga inclúe unha perda acusada da taxa de caudal de baixada, perdas que segundo a Asociación oscilan entre os 20 e os 50 puntos porcentuais cando se compara, no caso do ADSL, a velocidade básica de 1 e 3 Mb cos 20 Mb.
· Na tecnoloxía ADSL unicamente Telefónica semella crebar a tendencia de perdas tan acusadas de caudal de descarga, porque ente os 10 MB e as velocidades básicas (1 e 3 Mb) as distincións van dende os 13 e os 16 puntos porcentuais.
Neste senso, Internautas ofrece xa na súa web a relación polo miúdo das condicións achegadas de descarga e por operadoras (canto menor é a velocidade, menores son as desigualdades entre unhas firmas e outras).

PUBLICIDADE