AMTEGA abre nova convocatoria do curso para obtermos o CODIX

martes, 1 de setembro do 2015 Redacción

Quen queira obter a Certificación galega de Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX), dicirlle que este dous de setembro, sen ir máis lonxe, ábrese o prazo de inscrición para acadalo, segundo informa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e segundo se fai saber hoxe mesmo na convocatoria publicada no DOG, na que se detalla a achega de 180 prazas para o curso preparatorio previo ao exame presencial que se celebrará a mediados do mes de xaneiro.
A inscrición deberá facerse a través da web de CeMIT nun prazo de cinco naturais a partir de mañá. Ao remate deste período publicarase a relación provisional de persoas admitidas no portal da rede CeMIT. As persoas admitidas deberán aboar no prazo de cinco días naturais desde a data da súa publicación a taxa de 10 euros correspondente aos dereitos de exame. Para acceder a este curso, informa AMTEGA, os únicos requisitos que se esixen son os seguintes: sermos maiores de 16 anos, estarmos dados de alta como usuarios da rede CeMIT e abonarmos a taxa correspondente aos dereitos de exame. O curso de preparación impártese na modalidade de ensino a distancia (elearning) con titorías de apoio.
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2015, que terá a súa continuación cunha nova convocatoria de exame presencial en outubro para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos precisos ou que opten pola modalidade autoformativa, así até “chegar a un total de preto de 1.100 prazas dispoñíbeis para que a cidadanía poida acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no dito plan”, explica a axencia que dirixe Mar Pereira, que engade que dende a adaptación da rede CeMIT para formar e avaliar os contidos formativos do CODIX (maio de 2014) foron máis de 600 as prazas convocadas en cursos de teleformación tutelada e 1.300 as persoas que se someteron á avaliación dos seus contidos nas probas presenciais celebradas en diversas aulas da rede.

PUBLICIDADE