AMTEGA e o CPEIG abordan este martes as novas competencias dixitais no eido sociosanitario

luns, 27 de xullo do 2015 Redacción

Fernando Suárez, presidente do CPEIG, nunha imaxe de El Correo Gallego de Antonio Hernández

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) organizan mañá a xornada Faite profesional dixital do ámbito sociosanitario. O encontro intégrase na campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital 1 mes, 1 profesión dixital e desenvolverase na Cidade da Cultura, en Santiago. Segundo informan as entidades organizadoras, “os asistentes coñecerán da man de destacados expertos e profesionais novas competencias e habilidades que se están a demandar no mercado laboral actual no eido sociosanitario”.
Os relatores amosarán en detalle as características e requisitos do seu labor e perfil profesional, tanto de xeito individual como nun debate conxunto e aberto ao público. A xornada dará comezo ás 10.30 horas no salón dous do edificio CINC. Tras a benvida institucional a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, intervirán o coordinador autonómico da Cruz Vermella, Joaquín Varela, e Marta Durán, responsábel de Atención ao Cliente Zona Oeste de SARquavitae para abordar a atención xerontolóxica e a xeriátrica dixital.
A continuación, Julio García Comesaña, subdirector xeral de Ordenación Asistencial e Innovación Organizativa do SERGAS, e Teresa Martínez Ramonde, xefa do Servizo de Endocrinoloxía do CHUAC, falarán do fogar dixital e da consulta médica non presencial.
Pola súa banda, o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón Calvo, abordará a cuestión da información masiva (Big Data). A seguir, Gonzalo García Figueroa e Lola Lago Rincón, do Grupo Promedia, falarán do potencial das aplicacións no eido da eSaúde. Como remate da xornada, abrirase un coloquio entre os relatores e o público.
Como lembraremos, a campaña 1 mes, 1 profesión dixital arrincou o pasado mes de abril coa xornada Faite profesional dixital da mercadotecnia dixital. Trátase dun ciclo de seis xornadas sobre novos perfís dixitais que se desenvolverá até outubro, e que ten como obxectivo xeral “crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio das TIC cara ao emprego”. A iniciativa é froito do acordo de colaboración asinado no presente ano entre o CPEIG e a AMTEGA.

PUBLICIDADE