AMTEGA e o CPEIG lanzan a web de Rapaciñ@s con dominio galego

martes, 3 de xaneiro do 2017 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia comezou o ano con divulgación TIC para os máis pequenos. Se onte falabamos das súas actividades desenvolvidas para as nenas e nenos ingresadas/os no CHUS, hoxe é a quenda de salientar Rapaciñ@s, unha iniciativa que xa foi posta en marcha en 2015 pero que colle agora novos folgos, co inicio de 2017, estreando páxina web de seu con dúas entradas: www.rapacinos.gal e www.rapacinas.gal. A páxina foi deseñada pola firma A Navalla Suíza. A iniciativa, como lembraremos, vén da man do CPEIG e máis da axencia AMTEGA. O seu obxectivo é achegar as tecnoloxías da información ás crianzas dunha maneira responsábel, construtiva e segura. Dito doutro xeito: trátase de fomentar os bos hábitos de navegación e desenvolvemento dende as idades máis temperás.
Respecto do novo espazo web, trátase dun espazo accesíbel e de doado emprego para usuarias e usuarios coñecementos técnicos básicos. Abrangue os seguintes contidos: personaxes fundamentais na historia da informática, 10 razóns para estudar informática, saídas profesionais, onde realizar os estudos, consellos de navegación segura e o xogo A quen te pareces?
Entre os recursos que salientan o CPEIG e AMTEGA inclúese precisamente o devandito xogo, unha proposta lúdica que consiste en divulgar casos de éxito que amosan as vantaxes de apostarmos por unha carreira tecnolóxica. O xogo fai fincapé en persoeiros e experiencias TIC protagonizados por mulleres (e tamén por homes), sendo o seu obxectivo fundamental loitar contra a fenda de xénero profesional no ámbito das novas tecnoloxías (a fenda que impide por diversos motivos discriminatorios a equiparación de sexos na profesión dixital). O xogo, máis en detalle, sérvenos percorridos pola vida de persoeiros referencias no ámbito tecnolóxico, “persoas dotadas de talento, maxín, capacidade de emprendemento e creatividade e que fixeron achegas decisivas na creación de software, na ideación de Internet, na popularización das redes sociais, na creación de novas aplicacións, na procura de ferramentas dixitais máis libres e accesíbeis”, informan o CPEIG e AMTEGA. Polo xogo en cuestión, “pasan” investigadoras do talle de Ada Lovelace, Margaret Hamilton, Marissa Mayer, Anita Borg, Ana María Prieto, Mitchell Baker, Ángela Ruiz, Radia Perlman ou Carol Shaw.

Segunda edición

O programa Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura, no que se insire o novo espazo web, percorreu xa durante dous anos toda Galicia con charlas informativas a cargo das colexiadas e colexiados do CPEIG e obradoiros infantís. Por unha banda, familias e tamén docentes atopan información e recursos de interese; por outra, nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de actividades pensadas para que se divirtan e aprendan. Alén destas charlas, organizáronse diferentes eventos na Cidade da Cultura con obradoiros tecnolóxicos para os cativos e conferencias de expertos en novas tecnoloxías dirixidas a pais e nais.

PUBLICIDADE