AMTEGA lanza o portal de recursos e iniciativas do Plan de Inclusión Dixital

luns, 30 de maio do 2016 Redacción

O Plan de Inclusión Dixital en Galicia 2020, impulsado por AMTEGA e cuxos bloques de acción avanzamos o 21 de abril, segue a dar pasos importantes no obxectivo de xuntar forzas contra a fenda dixital. Primeiro, coa resolución da axencia AMTEGA para impulsar a adhesión ao Plan de “aliados dixitais”, ou sexa, entidades, empresas e profesionais con vontade de participar no desenvolvemento dixital da nosa terra e loitar a prol da inclusión tecnolóxica. Máis tarde, comunicóusenos que a base de “aliados” xa ía alén da cifra de 700. Agora, o organismo que dirixe Mar Pereira vén de publicar o portal Faite Dixit@l, a páxina que integra nun único espazo os servizos, proxectos e actividades impulsadas no Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020.
Segundo informa AMTEGA, coa posta en marcha de faitedixital.xunta.gal, a cidadanía “conta cun único punto de acceso ás distintas iniciativas que se están a desenvolver en Galicia en torno aos tres eixos principais do Plan, tanto os da alfabetización e a capacitación dixitais, como o orientado ao impulso da innovación social dixital”. O sitio en liña conta, para comezar, cunha portada inicial onde se presenta o Plan así como a formación e os proxectos dispoñíbeis en cada un dos tres eidos de actuación. O resto do contido estrutúrase en cinco bloques: A Estratexia, Os Aliados Dixitais, Os Servizos, Os Recursos e A Actualidade.
No apartado da Estratexia, a web ofrece toda a información relacionada con Plan de Inclusión Dixital de Galicia: os seus valores, obxectivos, os destinatarios, os servizos, así como o camiño percorrido cos proxectos da Rede CeMIT e o Programa de Voluntariado Dixital, xa que foron o punto de partida para posta en marcha do Plan.
O espazo dos Aliados Dixitais explica os pasos para adherirse ao Plan como aliado dixital e mostra os diferentes perfiles de aliados: mecenas, referentes, menores, voluntarios e entidades colaboradoras, e as súas achegas.
O bloque dos Servizos presenta o catálogo de servizos dixitais dispoñíbeis tanto de formación presencial, teleformación, certificación de competencias dixitais en ofimática, proxectos e iniciativas singulares, faladoiros e apoios dixitais.
En Recursos os usuarios acceden aos diferentes tipos recursos que teñen a súa disposición: a rede de aulas CeMIT, o mapa de e-Servizos de inclusión dixital, a comunidade virtual do voluntariado dixital, o espazo multimedia de aprendizaxe así coma contidos e publicacións de interese. Finalmente a web tamén dispón dun apartado de Actualidade, que permite acceder as novas e eventos, proxectos, informes de interese en torno á inclusión dixital.
Máis de 700 aliados
Como lembraremos, o Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, presentado o pasado 18 de maio ante os máis de 700 aliados cos que conta, busca “acadar unha sociedade plenamente dixital formada e capacitada no uso das tecnoloxías, capaz de explotar e aproveitar todo o potencial das TIC a nivel persoal, profesional e relacional”. Cun orzamento de máis de 7 millóns de euros en cinco anos o Plan artéllase, en palabras de AMTEGA, “arredor dun novo modelo de relación flexíbel e en rede, sustentado en alianzas dixitais entre a Xunta de Galicia e os diferentes axentes do ecosistema dixital que permitirá sumar capacidades, recursos e iniciativas”.

PUBLICIDADE