APETEGA celebra no IES de Tui as súas novas Xornadas de Tecnoloxía

martes, 3 de maio do 2016 Redacción

Os vindeiros 27 e 28 de maio de 2016, a Asociación de Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (APETEGA) vai organizar un encontro para achegar as diferentes pólas do coñecemento avanzado á nosa comunidade docente. Trátase da quince edición das súas Xornadas de Tecnoloxía, que se celebran no IES Indalecio Pérez Tizón de Tui. As xornadas, dirixidas principalmente a profesorado de secundaria, contarán con obradoiros e prácticas relacionados coas novas tecnoloxías, a robótica, a programación e outros eidos da innovación aplicada ao ensino. A inscrición poderá facerse ao longo dos días vindeiros na web da asociación, apetega.org, sendo de balde para socios.
Entre os obxectivos do encontro figuran os seguintes: favorecer o intercambio e a divulgación de experiencias didácticas innovadoras, afondar nos distintos ámbitos da tecnoloxía docente (materiais, electrónica, automática, robótica, informática) e aumentar a intercomunicación educativa para a mellora da calidade no ensino.
Ademais, tentarase analizar a situación actual da aprendizaxe tecnolóxica e achegaranse, por unha banda, técnicas de aplicación práctica nas aulas-obradoiro e, pola outra, novas tecnoloxías como recurso educativo. Nun plano máis concreto, o programa de actividades abranguerá obradoiros, coloquios e comunicacións didácticas. As coordinadoras das xornadas serán Victoria Alonso Goyanes e Helena Vidal Porto.
Entre os obradoiros preparados figura unha actividade práctica sobre OnShape (software de deseño 3D, en liña, de calidade profesional e con todo o requirido para ser empregado na aula cos alumnos co obxectivo de fomentar o modelado dixital), unha sesión de traballo colectivo para crear música electrónica con material de uso cotián, un obradoiro de robótica (programación con MBlock), un sobre impresión en 3D, outro sobre a ferramenta de programación Scratch, un achegamento ás principais ferramentas de xeoposición, unha sesión de edición de vídeo con Kdenlive ou unha actividade de introdución ao hardware libre Arduino, entre outras moitas cousas destinadas a fortalecer a formación TIC dos nosos profesores.

PUBLICIDADE