AT&T acorda a compra de Time Warner

luns, 24 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Cada vez existe unha maior ligazón entre as compañías de telecomunicacións e de contidos, en boa medida porque a canle de distribución audiovisual é cada vez máis dependente das redes informáticas en vez das plataformas audiovisuais tradicionais, á vez que tamén proliferan as ofertas combinadas que ligan telefonía, acceso á Rede e servizos de televisión, de aí que pareza natural o anuncio de que AT&T chegou a un acordo para adquirir Time Warner nunha operación valorada nuns 85.400 millóns de dólares en efectivo en accións (cun valor total da operación de 108.700 millóns de dólares, xa que AT&T faríase cargo da débeda de Time Warner).
Este acordo incluiría o inmenso catálogo de contidos de Time Warner e as súas diferentes plataformas audiovisuais, entre as que destacan o servizo de televisión de pagamento HBO e as plataformas de streaming (HBO Now e HBO Go). Outro dos piares da compañía sería Warner Bros. Entertainment, unha grande compañía que produce filmes, series de televisión e videoxogos, así como tamén posúe DC Comics (que actualmente están a xerar bastante negocio en cine e televisión).
Este ambicioso acordo está previsto que poida pecharse antes do remate de 2017, aínda que non será doado ante o tamaño de ambos conglomerados e a vixilancia dos organismos reguladores por mor do xigantesco volume desta operación que podería ter repercusións a nivel de competencia.

PUBLICIDADE