AUO prepara pantallas de 5,7 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles

venres, 11 de abril do 2014 Marcus Fernández

As resolucións de pantalla non paran de incrementarse ata límites difíciles de imaxinar hai pouco, e cunha utilidade máis que dubidosa (por superar amplamente a capacidade humana de distinguir os píxeles a definicións moi elevadas), e a compañía que parece querer rachar coas últimas marcas é a taiwanesa AU Optronics (AUO), que fabrica paneis para compañías como Samsung, LG, Dell, Apple, Viewsonic, NEC, Acer... e que vén de anunciar o panel de maior resolución para un smartphone. Trátase dun panel AMOLED de 5,7 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles (resolución tamén coñecida como WQHD, por dobrar en píxeles a altura da alta definición básica, ou 720p), o que supón 513 puntos por polgadas. Este panel só ten un grosor de 0,57 milímetros e permitiría detectar ata 10 puntos simultáneos na súa pantalla, resultando unha tecnoloxía moi interesante para os fabricantes que queiran apostar pola carreira do píxel.
Aínda que meter na pantalla dun móbil bastantes máis píxeles que nun televisor de grande tamaño poida parecer ridículo, hai fabricantes que non queren quedar aí, e están a procurar chegar a densidades de ata 860 puntos por polgada, cando ao superar os 300 dpi xa resulta realmente complicado diferenciar as melloras de resolución para o ollo humano.
AUO tamén está a traballar noutras direccións, como co seu panel OLED de 1,6 polgadas, que podería atopar un oco no emerxente mercado dos produtos wearables como os smartwatches.

PUBLICIDADE