O obradoiro Musical JR de Carballo impulsa web e tenda en liña coa axuda de Abertal

mércores, 27 de maio do 2015 Redacción

A firma Abertal, con sede en Carballo, vén de poñernos ao tanto da web do obradoiro Musical JR (emprazado na mesma localidade), dirixida a dar conta da paixón polos instrumentos tradicionais galegos dos impulsores do obradoiro. A páxina, sinalan, complementa o proceso de modernización e diversificación do taller, que comezou a súa andaina como obradoiro de fabricación de gaitas galegas e incorporou nos últimos tempos outras achegas como gaitas de boto, instrumentos de percusión (pandeiretas, pandeiras, pandeiros, bombos, tambores), requintas, dulzainas, etc.
Polo que se refire ás súas seccións, a páxina inclúe unha tenda en liña dende a que se comercializa, entre outras cousas, o bordón multitón patentado por Musical JR co que se pode conseguir que as gaitas poidan afinarse nunha ampla variedade de tonalidades só con mudar o punteiro. Grazas a esta tenda e ao importante labor de promoción multicanle, sinalan dende obradoiro, estase a vender un bo número de bordóns mesmo fóra de ámbito estatal.
O punto de venda compleméntase con todo tipo de gaitas, instrumentos de percusión (pandeiretas, caixas, pandeiros, tambores), requintas, dulzainas, fundas e accesorios en xeral. A páxina, que se achega en galego con opción de lingua en castelán, xunta tamén informacións sobre as novidades da tenda, vídeos de presentacións, ligazóns ao que se conta nos medios sobre o obradoiro Musical JR, carta de benvida e consellos sobre como mercar. A web, desenvolvida por Abertal, compleméntase coa actividade dos responsábeis do taller de instrumentos no Facebook e máis en YouTube.

PUBLICIDADE