Aberto o prazo para a presentación de proxectos á nova edición de Galiciencia, a décima da súa andaina

xoves, 3 de setembro do 2015 Redacción

A Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) comunica que vén de abrir o prazo para a recepción de proxectos destinados a concorrer en Galiciencia 2015, prazo que ficará aberto até o vindeiro 25 de outubro. A edición deste ano da feira científica da Tecnópole, unha das máis importantes citas do Estado en materia de mocidade investigadora (as científicas e científicos do día de mañá), acubillará tralo proceso de selección un total de 80 proxectos. Lembrar que Galiciencia celebra en 2015 o seu décimo aniversario.
Segundo informa a organización, aos 50 traballos que decote concorren na feira-concurso na procura do primeiro premio (da man de estudantes de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional) engádense fóra de certame 30 proxectos máis de alumnado de Primaria e Educación Especial, “consolidando así a exitosa experiencia piloto da anterior edición”, explica a Tecnópole.
O evento desenvolverase entre o 18 e o 20 de novembro nas instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas. “A súa celebración”, explica fontes do complexo empresarial, “é posíbel un ano máis grazas ao apoio da Consellería de Economía e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación”.
As bases están xa dispoñíbeis en galiciencia.com, coa posibilidade de que calquera centro escolar envíe as súas propostas. Os 50 proxectos participantes na competición estarán expostos durante os tres días da feira, mentres que os de Primaria e Educación Especial poderán verse en quendas de 10 propostas diferentes cada día.
Recordar que as actividades de celebración do décimo aniversario da Galiciencia xa comezaron no mes de marzo cunha xira de espectáculos científicos por toda Galicia, cun ciclo de cursos para que os docentes poidan axudar mellor aos seus alumnos a preparar proxectos e co concurso para o deseño da mascota oficial do evento. O elixido foi Micro, creado por Sira Ricoy, alumna de 1º da ESO do IES Carlos Casares de Vigo.
Volvendo ao concurso-feira, sinalar que hai máis novidades a engadir ao incremento de proxectos a amosar. Así, os premios serán entregados agora por categorías temáticas no canto de por ciclos educativos: serán seleccionados polo xurado o proxecto coa mellor presentación oral, o máis innovador, o que acredite o método e proceso de investigación máis definido e o mellor do eido das humanidades. De entre todos estes, o que acade a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación na feira científica estatal Exporecerca 2016.
Ademais de todo o devandito, a Tecnópole tamén anunciou a posta en marcha, un ano máis, do seu programa de capacitación en habilidades innovadoras para escolares, “este curso con novidades”. Así, trala experiencia dos obradoiros de robótica de verán (que o Parque cualifica de “experiencias de éxito”), as Aulas Tecnópole terán este ano unha sección específica dedicada a esta temática. A inscrición estará aberta ata o 30 de setembro.
As Aulas Tecnópole retomarán a súa actividade por quinto ano consecutivo no mes de outubro e cada xoves pola tarde acollerán un grupo formado por un máximo de 45 alumnos e alumnas de 12 a 18 anos. Segundo informa o Parque Tecnolóxico de Galicia, “os seus ámbitos de traballo estarán abertos a todas as áreas do coñecemento, dende as novas tecnoloxías ata as ciencias ou as humanidades”. Os participantes no curso terán ocasión de presentar os seus proxectos en Galiciencia.
Pola súa parte, as novas Aulas Tecnópole Robótica desenvolveranse os mércores pola tarde cun auditorio máis limitado, de 24 participantes. Dirixidas a estudantes de 9 a 13 anos, recollen a testemuña dos obradoiros de verán celebrados en Tecnópole ao longo dos últimos meses. O seu obxectivo será achegar conceptos de programación aos máis pequenos a través da construción e programación de robots.

PUBLICIDADE