Acer presenta novos equipos de escritorio baseados en Chrome OS

venres, 22 de agosto do 2014 Marcus Fernández

A proposta dos Chromebooks de Google como ordenadores portátiles orientados a servizos na Rede está a levarse con éxito ao escritorio en distintos formatos como os Chromebase de LG e os Chromebox de Asus, e agora é Acer a que se lanza a sacar equipos como os últimos mencionados, e anuncia o Acer Chromebox CXI, un equipo de pequeno tamaño e prezo axustado que pode resultar moi axeitado para contornos educativos e pequenas empresas.
O Acer Chromebox XCI presume de poder iniciarse nuns 8 segundos grazas á súa unidade SSD de 16 Gb, sendo capaz de desenvolverse con soltura para labores de produtividade grazas ao seu procesador Intel Celeron 2957U (con micro-arquitectura Haswell), gráfica Intel HD, 2/4 Gb de RAM, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, Gigabit Ethernet, 4 portos USB 3.0 e lector de tarxetas SD de até 32 Gb.
Para conectarse a un monitor conta con saídas HDMI e DisplayPort, sendo posible tamén enganchalo na parte traseira do monitor a través dun soporte VESA (o que permite que o equipo non ocupe espazo no escritorio). O equipo mide só 16,54 x 13 x 3,3 centímetros, ao que habería que engadir tamén un adaptador de corrente de 65W.
Estes novos equipos de Acer sairán á venda nos EE.UU. o mes que vén a un prezo de 179,99 dólares (136 euros) no seu modelo con 2 Gb de RAM e 219,99 dólares (166 euros) con 4 Gb de RAM. Aparte do seu prezo axustado e tamaño reducido, os Chromebox teñen como grande vantaxe o funcionar con Chrome OS, sistema operativo baseado na nube de Google, o que facilita a xestión de flotas de equipos e conta con grande seguridade (está libre de virus), aínda que precisa de conexión á Rede para poder explotar completamente a plataforma de servizos de Google.

O Acer Chromebox CXI pode colocarse na parte traseira dun monitor mediante un kit de montaxe VESA

PUBLICIDADE