Achegan dende A Coruña un sistema para levar o ensino por videoconferencia a todos os recantos de Galicia

mércores, 9 de novembro do 2016 Redacción

A academia coruñesa Mi Centro Alemán vén de pór en marcha o seu propio sistema tecnolóxico para permitir a aprendizaxe de idiomas (aplicábel a calquera outra materia) a través de videoconferencia compartida. Este sistema, en palabras do centro “innovador e pioneiro”, permite cousas como facer seguimento das clases en grupo ou interactuar co profesor en director a pantalla duplo. Este tipo de actividades, ademais, pódense levar a cabo dende calquera parte do mundo. O único que se precisa para recibir as clases en liña é termos conexión a Internet e uns auriculares (a cámara é optativa aínda que recomendábel, sinala o centro de formación). A idea é, en parte, sacar as clases das clases. Ou sexa, permitir que aprendamos idiomas ou calquera outra materia dende un parque, unha cafetería ou a nosa casa na aldea.
O sistema da academia con sede na Coruña foi desenvolvido ao longo do último ano. Segundo indican os seus responsábeis, xa funciona con éxito en varios casos e pode ser aplicado ao ensino de calquera outro idioma ou materia.
Os creadores da tecnoloxía tamén salientan a potencialidade destas clases. Ao fío disto, Adriana e Mathias explican que “vivir nunha aldea pequeniña ou nun lugar con moi poucos servizos xa non terá por que ser un atranco para recibir formación axeitada en idiomas”. Segundo indican, a plataforma da súa academia soluciona certos problemas achegados polas tecnoloxías (por exemplo Skype) das que se dispuña até o de agora. Por exemplo, facíase imposíbel con elas interactuar en directo co profesor tamén por escrito. Agora, din, “coas nosas clases”, os alumnos poden ver nas súas pantallas o exercicio ou exemplo posto polo educador e escribir sobre el para que a continuación o profesor poida corrixilo de contado.
Outra vantaxe da súa tecnoloxía é que permite interactuar cun grupo. E explican: “As clases individualizadas cun profesor son moi útiles, pero a nosa experiencia dinos que tamén é preciso poder acudir a clases en grupo, interactuar cos outros alumnos para practicar con eles e non só co profesor e o noso sistema posibilítao”.
O centro rexistrou o seu sistema e quere explorar diferentes e complementarias posibilidades de uso do mesmo porque, como eles indican, “esta novidade tecnolóxica supón unha revolución no ensino nas localidades máis pequenas e nun lugar como Galicia, cunha poboación tan espallada, amosa múltiples aplicacións”.

PUBLICIDADE