Actualizan o cadro de xogadores do NBA Jam de Super Nintendo

mércores, 18 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

O xogo NBA Jam de Midway converteuse en todo un clásico que en 1993 causou furor en salóns recreativos e consolas de videoxogos, e aínda que nos últimos anos puidemos velo en dispositivos móbiles, o retorno que está a ver estes días é moito máis rechamante, xa que veñen de distribuír a través da Internet unha copia modificada da súa versión para a consola Super Nintendo da que podemos gozar a través dalgún dos moitos emuladores de SNES.
Esta revisión do xogo recibe por nome NBA Jam 2K17 e mantería as mecánicas de xogo do título orixinal, pero contaría con cadros de xogadores actualizados a 1 de xaneiro de 2017, ou sexa, que poderiamos xogar cos 30 equipos da NBA actuais (incluíndo os que non estaban na competición cando saíu o xogo orixinalmente) e os 117 xogadores da NBA máis destacados (incluíndo a Lebron James, Russell Westbrook, Steph Curry e moitos outros) coa posibilidade de desbloquear a xogadores de lenda como Michael Jordan, Kobe Bryant, Scottie Pippen... así como algúns personaxes a xeito de broma, como Hillary Clinton, Donald Trump, Kayne West e mesmo o gorila Harambe (asasinado no zoolóxico de Cincinnati o ano pasado, converténdose en toda unha icona na Internet).

NBA Jam 2K17 é unha divertida actualización dun clásico

Vídeo promocional de NBA Jam 2K17

PUBLICIDADE